Videoselfis racistas

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

SIMONE ARVEDA | EFE

18 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda polas redes sociais, un vídeoselfi dun concelleiro de Salvini, xa saben, ese señor de ultradereita que chegou a ter altas responsabilidades no Goberno de Italia e que anda polo mundo sementando odio e rexeitamento contra as minorías raciais, homosexuais, trans, xente de esquerda, feministas e, en xeral, contra toda clase de opción política que teña que ver coa igualdade, o progreso e unha vida máis xusta e humana. Se alguén pensa que a ultradereita (Salvini ou Vox, tanto ten) procuran algo distinto que a eliminación de todo iso, pois que revise, por unha banda, a historia e, por outra, os seus comportamentos destes últimos anos. Porque Salvini faise fotos con Orban ou Le Pen. Abascal, outro tanto. Fan o mesmo.

 

No vídeoselfi do señor Alessio Di Giulio, e que cobra un soldo púbico (que tamén sufragan todos os que el odia) como concelleiro de distrito en Florencia (patria do Dante, de Bocaccio, de Brunelleschi, de Leonardo da Vinci, de Michelangelo... moitos deles homosexuais, por certo: pedirá que non se estuden nos colexios de Italia?), podémolo ver sorrindo diante dunha muller xitana que, na súa inxenuidade, tamén sorrí á cámara. Ao videoselfi púxolle este texto: «O 25 de setembro vota á Liga, para nunca máis volver a vela, para nunca volver a vela máis nunca!» (así de mal se expresa o señor este). Máis claro non pode ser. Pide o voto e está prometendo que se encargará de facer desaparecer xa non só a esa muller xitana senón que, obviamente, está a referirse a toda esa etnia que, probablemente, tamén é italiana, coma el. Pero na lóxica ultra, só é italiano (ou español) quen comunga con determinadas ideas. No noso caso, moita xente desa corda mide a españolidade cos touros, ser do Real Madrid, as procesións, os vivas a la Legión e, sobre todo, cun odio contra quen non pense igual. Nese senso, un ultradereitista italiano, polaco, húngaro ou español non se diferencian. Resúmese todo en: unión da patria (na vida dirán da «matria»), odio aos inmigrantes (a non ser que sexas Messi ou Cristiano, só por citar dous estranxeiros que traballaron aquí e que tiveron problemas coa lei) e, sobre todo, antifeminismo.

O vídeoselfi dese señor debería ser castigado de oficio en calquera país decente. Como deberían ser pechadas centos de contas de Twitter, en España, que sementan odio sen límite. Logo nos sorprendemos da tentativa de asasinato da vicepresidenta arxentina. En Italia, animados por ese concelleiro, algún podería agredir a esa muller ou a calquera outra. Pero xa saben, hai quen di por aí que o fascismo é unha ideoloxía coma outra calquera. E non é. Para nada o é.