Andando a costa

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. ESTÉVEZ

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Somos decididos propagandistas da experiencia camiñante, sen escusar o coche de apoio entre etapas. Nuns anos pasamos de non encontrar case ninguén na ruta a topármonos regularmente con peóns e ciclistas. É un bo síntoma, porque o país recoñécese a medida que se vai tecendo un argumento interpretativo entre o que vemos e o que sentimos, o que somos e o que queremos ser.

Abranguendo o arco que vai de Camariñas a Baldaio, as estradas a media ladeira derivan por vellos rueiros que enlazan lugares edificados en pedra, con fermosos hórreos e igrexas románicas e barrocas. Xunto aos adros antigos xurdiron novos cemiterios impersoais. Coma sempre, os cables cuartean o ceo.

A cornixa entre Cabo Vilán e a enseada do Trece é un balcón aberto sobre a gran beleza. Mirando cara a terra, asoman fantasmagóricos entre a néboa os xigantes de tres brazos, tan de actualidade pola necesidade de enerxías renovables. Algunhas rechamantes edificacións de mala arquitectura, amparadas no turismo rural, desafían teimosamente as normas de protección.

Na cota dos vales, a mirada alcanza a plantación de eucaliptos e pinos, as parcelas concentradas sementadas de millo para abastecer os silos das granxas do interior, os asentamentos de vivendas unifamiliares cunha paleta cromática cada vez máis atrevida. Por que se renunciou aos matices do humilde branco?

A nivel da beiramar, a senda que leva de Laxe a Camelle a través dos areais de Soesto e Traba, alternando con coiñais e penedos ciclópeos, é un espectáculo formidable. Parece que as aves desertaron este verán da minguada lagoa de Traba, invisible entre os carrizos.

Percorremos esta costa co desastre do Prestige na memoria. Deixando a parte as piscifactorías, tan necesitadas dun bo proxecto arquitectónico, todo forma un conxunto extraordinario balizado por cabos e enseadas como a do río Grande de Soneira na Ponte do Porto e a do Anllóns en Ponteceso. Entre eles, os montes brancos, fósiles xeolóxicos, e as dunas eólicas como a de Laxe, que hai cen anos aínda non pechaba a vila. Xa advertira Parga Pondal das consecuencias que ía ter a ampliación do porto. O límite desta xeira márcao o desaugadoiro da lagoa de Baldaio, unha delicada fonte de riqueza e de preocupación ecolóxica.

A burbulla inmobiliaria, a pandemia, a guerra, o cambio climático, pacifican á forza a construción das cidades e do territorio. É moito soñar que o límite, en vez de marcalo só as crises e os plans, o poñamos tamén nós mesmos, convencidos da responsabilidade que temos cara ao país?