Xogando co prezo das cousas de comer

Roberto García
Roberto García AO FÍO

OPINIÓN

H.Bilbao | EUROPAPRESS

13 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A proposta da vicepresidenta Yolanda Díaz de topar o prezo de determinados produtos alimentarios nos puntos de venda levantou un importante rebumbio nos medios e nas redes, con argumentos en contra e a favor da medida. Nós, que levamos máis de dez anos na loita polos prezos xustos para o consumidor e os agricultores e gandeiros, cremos que esta proposta está pouco meditada e menos informada.

O sector primario sofre unha endémica e grave crise de rendas provocada polos baixos prezos percibidos en orixe, que non son sempre baixos nos lineais da distribución. Este feito responde á dobre estratexia de vendas a perdas e produtos reclamo, por unha banda, e marxes abusivas, por outro, levada a cabo pola gran distribución. Para evitalo, o sector traballa desde hai 10 anos na Lei da Cadea Alimentaria, con diálogo constante coas forzas políticas. Foi aprobada en 2013 na súa primeira versión, e recentemente reforzada. Esta norma marca a obriga de que os prezos dos alimentos se configuren desde a orixe ao destino, e non ao revés. O espírito da lei é que ningún elo perciba menos dos custos que investiu no seu traballo e por iso se prohibe a destrución de valor dun produto ao longo da cadea.

Da iniciativa da ministra de Traballo descoñécese como pretende levar a cabo ese tope de prezos, aínda que si dixo que se faría en base a acordos coas cadeas da distribución. Pero o encaixe legal dos mesmos xera moitas dúbidas, pois as normas de competencia prohiben precisamente os acordos de fixación de prezos.

Establecer un tope de arriba cara abaixo, é o contrario do que marca a lei de cadea. Ademais, os produtores saben por experiencia que cando os prezos se establecen deste xeito, o primeiro elo, agricultores e gandeiros, son os que asumen as perdas. Por iso esta norma prohibe que iso poida ocorrer, e é obrigación do Goberno vixiar o seu estrito cumprimento. Tamén é necesario un observatorio de prezos, con datos públicos e oficiais, actualizados semanalmente, das cotizacións en orixe e destino dos alimentos. Pensamos que esta é so unha proposta electoralista e mediática, sen encaixe legal aparente na Unión Europea e en España e con previsibles efectos negativos tanto nas explotacións como no pequeno comercio. Os problemas da cadea alimentaria deben ser asuntos de Estado, estratéxicos, e non formar parte de ningunha batalla entre partidos aos que novamente emprazamos a traballar en pos duns prezos xustos, para agricultores, gandeiros e consumidores. Só así evitaremos a especulación e as marxes abusivas de determinados axentes da cadea.