Anna Freeman

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Larry Armstrong | Los Angeles Times

Teño esa anotación nun dos meus cadernos. Anna Freeman, divorciada de Max Wulf, naceu un 10 de novembro do ano 1922. Hoxe fanse cen anos. Hoxe, precisamente. Acariño o libro. A autora: Doris Lessing. Quizá O caderno dourado sexa unha das grandes novelas da historia da literatura. Ignoro se nesta época é prescritiva para o alumnado de Humanidades. Ignoro, tamén, se as Humanidades teñen espazo en medio do presente. Algúns len libros pensando que están a ler literatura. Pero é outra cousa. Mesmo se recomendan textos politicamente correctos (ecoloxistas, feministas e inclusivos) que non teñen nada que ver coa arte. Non importa. As feministas están, golpe a golpe, batallando: con lei trans, sen lei trans, esfollando unha margarita inacabable. Quizá non len a Doris Lessing. Quizá nin sequera saiban quen é Anna Freeman, nin que hoxe fai cen anos. Eu acordeime dela e regresei á novela. Aos seus cadernos. O caderno negro para a súa vida literaria. O amarelo redactado mentres observa o seu interior, emotivo e fluvial. O caderno vermello falando de política. E o azul para os acontecementos de cada día. Con eses catro cadernos confeccionou O caderno dourado. En primeiro de feminismo debían estudar esta obra mestra. Hoxe máis ca nunca. «Se cadra o que a ti non che gusta é que sei o que quero, que sempre estiven disposta a experimentar, que nunca trato de enganarme a min mesma contándome que o mediocre é mellor do que é, e que sei cando dicir non». As feministas quizá deban regresar a Doris Lessing e esquecer a dinamita, muller contra muller, destes malos tempos. A mediocridade, por desgraza, é o asfalto dos nosos días. Anna Freeman non deixou de gritalo.