Ciberofensa e castigo

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

SASCHA STEINBACH|SASCHA STEINBACH | EFE

11 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

ignorancia fai a xente ousada. Miles de millóns de usuarios das redes sociais convertéronas no que sempre foron as telecomunicacións: armas de dobre gume, para rachar a mentira ou para degolar a verdade. O que descoñecen moitos autores de delitos de odio nas redes é como funcionan estas e como pode caer a xustiza sobre eles. O primeiro que confunden é a internet e a web. Pensan que na rede das redes está o que só pasa por ela: datos; e esquecen que a información publicada si que está nos servidores da arañeira universal.

A maioría de ofensores escúdanse cun pseudónimo e coidan que con iso xa poden delinquir. Tamén cren que a ofensa —ou ameaza— publicada desaparece para sempre cando se borra, esquecendo a copia xudicial dos servidores; e non teñen en conta que o ofendido —ou ameazado— pode achegar como proba do delito o gardado en memorias propias. Aínda máis, ignoran os programas de intelixencia artificial que depuran todo tipo de publicacións ata lle indicaren aos investigadores un enderezo de internet, a localización física do dispositivo e a traza persoal de usuario. Finalmente, os delincuentes ignoran as consecuencias das querelas contra eles: multa e indemnización á vítima, con posibilidade de cárcere. Se as coñecesen, quizais correría menos veleno dixital pola internet.