Na procura das células troianas da metástase

Sonia Villapol CIENTÍFICA DO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, EE.UU.) E COMPOÑENTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

IRB BARCELONA | EUROPAPRESS

11 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A maioría dos fármacos contra o cancro son absorbidos no tecido san causando efectos secundarios negativos, e só unha fracción do fármaco administrado chega realmente ao tumor, o que o fai menos efectivo. Polo que os fármacos contra o cancro existentes proporcionan un beneficio limitado debido á súa incapacidade para superar estas barreiras biolóxicas do corpo e chegar ás células cancerosas en concentracións suficientes. As investigacións máis innovadoras da nanomedicina logran avances en enfermidades coma o cancro facilitando que os tratamentos se dirixan especificamente a certas células tumorais, evitando afectar ás células sans. Usando as nanopartículas, o fármaco activo só se libera dentro do núcleo da célula da enfermidade metastática, evitando o mecanismo de resistencia a múltiples fármacos das células cancerosas. Esta estratexia mata eficazmente o tumor e proporciona un beneficio terapéutico significativo, incluíndo a supervivencia a longo prazo na metade dos animais de laboratorio; agora hai que trasladalo á clínica. Estas investigacións son algunhas que se están a facer no instituto de investigación do meu hospital, en Houston. Estas tecnoloxías aumentarán a efectividade dos fármacos de inmunoterapia, e tamén estes descubrimentos estamos intentando aplicalos a outras doenzas, coma o alzhéimer ou os traumatismos cerebrais.

Pero sen dúbida o maior problema no caso do cancro é cando se espalla por outros órganos, especialmente ao pulmón e ao fígado, converténdose en metástase con peor prognóstico. As células tumorais residuais permanecen camufladas fusionándose coas células do sistema inmune. Ao meu colega, o doutor Eduardo López-Collazo, investigador no hospital La Paz de Madrid, gústalle definilas coma as células do cabalo de Troia, as que teñen aparencia amable pero que agochan o perigo tumoral e circulan libremente polo corpo. Séguese na procura de terapias máis efectivas para as metástases e para iso é importante identificar estas células troianas e analizar o seu comportamento. Esta semana, a revista Nature publicou un artigo do laboratorio do doutor Eduard Batlle, do IRB de Barcelona, no que identificaron as células residuais tumorais no fígado e no pulmón orixinarias do cancro colorrectal. O estudo elaborado en modelos de ratos permitiu illar metástases de tamaño reducido e outras máis evolucionadas. Unha vez que identificaron estas células troianas hai que procurar eliminalas e ándase na procura das mellores ferramentas. Neste estudo manteñen a hipótese que a inmunoterapia previa incluso á cirurxía pode eliminar estas células tumorais que forman as metástases incipientes.

Son estudos preliminares e non hai que prometer demasiado aos millóns de pacientes con cancro, pero estas investigacións van no camiño de cambiar o panorama da curación da enfermidade metastática, para que xa non sexa unha condena de morte. Hai que validar estes resultados en ensaios clínicos e combinando os últimos avances en identificación das metástases iniciais, o que esencialmente proporcionará unha cura aos pacientes a quen se lles di que agora non hai ningunha. Deberíase de seguir pedindo máis investigación e recursos para o mellor diagnóstico do tumor, que permita aplicar a medicina personalizada que aporte tratamentos máis efectivos en todos os estadios da enfermidade.