Universidades, intelixencia artificial e alianza dixital ibérica

Julio Abalde / Antonio López / Manuel J. Reigosa REITORES DAS UNIVERSIDADES DA CORUÑA, SANTIAGO DE COMPOSTELA E VIGO, RESPECTIVAMENTE

OPINIÓN

marcos miguez

25 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos indicadores da fortaleza da candidatura presentada por Galicia para acoller a sede da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (Aesia) é que os estudos do grao en Intelixencia Artificial teñen carácter interuniversitario e impártense nas tres universidades galegas. Nos nosos campus ofertamos cada curso 150 prazas de grao, ás que se engaden outras 60 do máster de IA. Unha magnífica canteira de talento especializado. A fortaleza académica está estreitamente vinculada co potencial científico dos nosos campus. Neles desenvolven o seu traballo grupos de investigación punteiros en IA e en áreas do coñecemento próximas, como a supercomputación cuántica, a ciberseguridade ou a enxeñaría de datos. Son grupos de especial relevancia no apoio a iniciativas tecnolóxicas innovadoras.

Tres dos oito centros de investigación do sistema universitario de Galicia centran precisamente as súas actividades de investigación e transferencia nas tecnoloxías da información e a comunicación e en proxectos e programas baseados na IA: o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (Citius), da USC; O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (Citic), da UDC; e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación (atlanTTic), da UVigo. Os centros, conectados con redes científicas internacionais, están posicionados na vangarda da investigación en IA, como evidencia o apoio explícito de institucións científicas de referencia e grandes empresas á candidatura de Galicia para acoller a sede da Aesia. Este potencial universitario explica en boa medida tanto a dimensión da masa crítica de empresas TIC en Galicia (preto de 3.000), onde traballan unhas 19.000 persoas, como a presenza na nosa comunidade de grandes firmas tecnolóxicas e a incorporación de tecnoloxías de IA por parte das corporacións galegas nos seus produtos e servizos.

Non debemos esquecer que Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas españolas en contar cunha estratexia propia de intelixencia artificial. Un consistente ecosistema tecnolóxico e de investigación que, sumado á proximidade lingüística e cultural con Portugal e á experiencia na colaboración transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, fan de Galicia un nodo privilexiado para desenvolver a creación da rede ibérica de labs de IA, tal e como se acordou hai un ano no cumio entre os gobernos español e portugués. Con máis razón aínda se, como esperamos, a Aesia, primeira axencia creada en Europa para a supervisión da IA, instala a súa sede aquí, en Galicia, na Coruña.