Mulleres escritoras e os seus amantes

María López Sández ACADÉMICA ELECTA DA REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA

OPINIÓN

Salto de eje PC y Twin Freaks Studios | EFE

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A transgresión adoita presentarse con adobíos e xeitos de muller. Aparécesenos baixo a forma misteriosa e atraente das sereas mitolóxicas ou baixo o engado das mulleres fatais do cinema en branco e negro. Houbo, dende sempre, unha dobre vara de medir os asuntos morais: unha para os homes e outra, ben máis dura e punitiva, que xulgaba e castigaba ás mulleres, e por iso as escritoras, que historicamente xogaron un papel central na loita por conquistar espazos de acción libre, transgredindo a moral coa súa obra e na súa vida, recibiron a miúdo unha dura condena. 

Emilia Pardo Bazán reiterou, a miúdo, o aserto de que «non pode haber dúas morais para dous sexos» e escribiu unha obra, Insolación, que dá a réplica ás novelas adulterinas do século XIX, posto que a protagonista, Asís Taboada, rompe a moral sexual e, malia todo, acada un final feliz, que contrasta co de Emma Bovary, Ana Ozores, Ana Karenina, a Luísa de O primo Basilio ou Effie Briest, que ven a súa transgresión castigada coa morte ou o ostracismo. Pardo Bazán fumou, acudiu aos baños turcos en París e tivo como amantes, entre outros, a Lázaro Galdiano e a Galdós. Na ben documentada e coñecida correspondencia con este último, empregou expresións de forte carga erótica, chegando a expresar o temor a mancalo coa súa intensidade sexual. Nunha das cartas bromea sobre o que terá pensado o condutor ao atopar esquecida unha prenda íntima no asento de atrás do seu coche de cabalos.

Tamén explícita sobre a intensidade da súa relación con Jules Sandeau, de quen tomou o apelido do seu pseudónimo, foi George Sand, escritora francesa que se paseaba por París vestida de home e que fumaba en público, actitudes provocativas e transgresoras na época. Os escritores Prosper Mérimé e Alfred de Musset, así como o compositor Chopin tamén foron os seus amantes. E fumando e vestida de home vemos a Colette (autora de exquisita sensibilidade cara á natureza e o mundo animal) nunha das fotografías que dela se conservan; Colette levou ao límite a transgresión, tendo amantes de ambos sexos e rozando o incesto ao desenvolver unha relación co seu fillastro.

George Sand, Colette ou Simone de Beauvoir viron recoñecidos os seus méritos intelectuais e artísticos máis alá da súa conduta moral. Non cabe dúbida de que Francia foi máis clemente coas súas escritoras transgresoras ca o mundo hispánico. Delmira Agustini, poeta modernista de Uruguay, da que Rubén Darío dixo «si esta niña bella continúa en la lírica revelación de su espíritu como hasta ahora, va a asombrar a nuestro mundo de habla española», morreu de dous tiros no corazón aos 27 anos, ao ano seguinte de casar e xa separada de facto, cando tiña por amante a Manuel Baldomero Ugarte. Así morrera tamén a avoa paterna de Emilia Pardo Bazán, asasinada polo seu segundo marido, Juan Rey Perfume. A emerxencia da nova muller, esa que en palabras de Gail Finney, «loita pola igualdade nas súas relacións cos homes, intentando eliminar a dobre peneira que rexe os costumes sexuais da época», non podía producirse sen resistencia e sen conflito.