Aesia: unha excelente noticia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

11 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A designación da cidade da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) constitúe unha excelente noticia. Por varias razóns: polo que significa de deslocalización dos grandes centros estratéxicos do Estado, tradicionalmente asentados en Madrid, o que explica en grande medida a concentración de riqueza tanto fiscal como científica, tecnolóxica e financeira na capital de España; sucede o mesmo co modelo de comunicacións: unha rede historicamente deseñada para que calquera viaxe ou desprazamento teña que pasar de por forza polo centro da península. En segundo lugar, polas expectativas que se abren cara a desenvolver dende Galicia un horizonte novo de crecemento e modernización, fundamental para operar no século en que vivimos. E en terceiro lugar, unha cuestión non menor: a aceptación da candidatura da Coruña por parte das outras cidades galegas, incluídas as tres universidades, onde nestes momento se centra o principal patrimonio de coñecemento e investigación, recursos técnicos e humanos para aproveitar as posibilidades que este novo escenario ofrece.

Hai tempo que as universidades galegas veñen traballando nas novas tecnoloxías da comunicación, a información e o coñecemento. Aínda hai pouco que comentabamos nunha destas mareas a iniciativa do Proxecto Nós dende a Universidade de Santiago, pensado para incorporar a lingua galega á linguaxe das máquinas e a intelixencia artificial. As iniciativas de Universidade de Vigo son pioneiras en moitos aspectos, mesmo na proxección de satélites de comunicación, a industria aeronáutica e a industria naval. A Universidade da Coruña abriu liñas de traballo moi proveitosas no deseño de edición electrónica, etcétera. Por non citar a empresa privada, que oferta produtos para a xestión no ámbito sanitario, na administración, na economía, enerxías renovables, bases de datos, plataformas dixitais, videoxogos…

A meirande parte da poboación non coñece estes traballos, que en moitos casos veñen abrindo mercados mesmo fóra de Galicia, de España e de Europa. Hai un prexuízo case diría que histórico (implantado no ADN colectivo) que nos leva a ver sempre a botella medio baleira, un pesimismo atávico que nos paraliza. Igual que moitas veces teño falado da capacidade creativa da nosa industria cultural, do mesmo xeito podemos falar doutros ámbitos das nosas capacidades: dende o sector primario (o viño, a pedra ornamental, os produtos de horta, a pesca, a conserva, a transformación cárnica) a sectores máis complexos como a navegación, o deseño industrial, a automoción, o téxtil, cun universo de industrias auxiliares que dan de comer a moitas familias e que, apoiadas nun proxecto estratéxico (que tamén debe ser político), abofé que constitúen unha aposta de esperanza. A ilusión e a esperanza que precisan as novas xeracións que están a formarse nas nosas universidades non queren renunciar ao futuro.