As ruínas de Santoalla

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

17 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As bestas e Santoalla son complementarias. Se a película impresiona pola violencia e a beleza, o máis impactante do documental son as ruínas, síntoma do devalo daquela Galicia dos trinta mil lugares habitados.

Cantas Troias xacen soterradas, testemuño de tantas guerras, humillacións, matanzas, destrución. A ruína, tan literaria, é inherente á existencia humana. Pero que supón vivir hoxe a carón das ruínas domésticas, debruzadas sobre os camiños ou ingurxitadas entre os muros? É o fracaso do contorno, da terra, da historia. Ende ben, tamén pode ser unha exhortación á vida e ao futuro, a rexurdir das cinzas.

En tempos, Galicia era matar a fame con enchentes ocasionais, o achego comunitario nas festas patronais, emigrar forzosamente para buscar vida, unha foto cor sepia, o trasacordo, a ambigüidade, quizais xustificado como defensa en tempos do señorío e os foros. Non cabe dúbida de que coa autonomía mellorou a nosa autoestima. Agora exportamos identidade, festivais, gastronomía, paisaxes ideais; a publicidade, a televisión e internet seguen vendendo imaxes arquetípicas, mesmo para uso propio. E sempre con esa fonética que nos delata e que aínda produce sorrisos e imitacións despectivas.

A identidade, máis ca un feito consumado ou un achado autoindulxente, é un oficio de busca continua. Necesitámola porque sen ela o mundo nos ignoraría. Móvese, coma sempre, entre dous extremos, aquela que trata de enxalzar o país e a nós mesmos, como un escudo protector, e a que por veces vemos reflectida no espello deformante da mirada de xentes de fóra, chea de estereotipos, como os que nós mesmos temos verbo de outros. Seguro que o razoable se encontra a medio camiño.

Os dezasete nomeamentos de As bestas para premios están xustificados, en especial os dos protagonistas, Zaera, Ménochet e Foïs, pero é unha película. O documental atense máis aos feitos, co testemuño valente de Margo Pool que, pese a todo, non abandonou Santoalla, habitante senlleira desa Gran Galicia pola que sufrimos cando a vemos arder e logo esquecémola. Parece que nos escapa das mans. Somos poucos e non hai signos de que a demografía se vaia recuperar. A solución mellor é abrir as portas ao turismo rural, aos estranxeiros ecoloxistas, á industria da enerxía?

Daquela, os esquecidos, os perdedores, os que marcharon para non volver… Hoxe a pobreza non é tanto a fame como a falta da esperanza nun futuro. A pulsión de fuxir da ruína viva é un transo necesario para renacer?