Bieito XVI: o destino do papa profesor

OPINIÓN

María Pedreda

05 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai frases que poden marcar ou polo menos definir un destino. «Penso que, xa que Deus fixo papa a un profesor, quería precisamente que este aspecto da reflexión, e de xeito especial a loita pola unidade da fe e razón pasaran ao primeiro plano». Son palabras pronunciadas por Bieito XVI, en 2010, no libro entrevista A luz do mundo. Chegara ao pontificado, tras levar moitos anos como presidente da Comisión da Fe e sendo claramente a cabeza teolóxica de Xoán Paulo II, o papa, máis «político», co que durante uns trinta anos promovera, sen concesións, un esixente reagrupamento doutrinal da Igrexa. A redacción do Catecismo da Igrexa Católica, coidadosamente tutelado por el, foi o ideario que, declarado de autoridade pontificia, procurou impoñer como norma e criterio para a catequese e mesmo para a teoloxía.

 De feito, o prestixio de profesor alemán, unido a unha nutrida traxectoria de publicacións teolóxicas, lograron introducir no ambiente un sentido de dignidade cultural para o anuncio da fe cristiá. Respondía así a unha necesidade global de actualización, que o Concilio Vaticano II recoñecera e proclamara solemnemente. Era urxente tras a durísima crise da Ilustración, que puxo en crise o rol prominente co que durante milenio e medio o cristianismo marcara a cultura occidental e desde ela, en boa medida, tamén a do mundo.

El, non só por formación, senón porque participara persoalmente no Concilio, parecía ben preparado para se empeñar na alta tarefa. E decidiu afrontala, continuando, con estilo distinto pero co mesmo talante de certo mesianismo salvador, o camiño xa emprendido xunto co papa anterior, Xoán Paulo II. Pero sucede que, a estas alturas, todo parece confirmar o que xa unha gran parte dos teólogos denunciaron desde o comezo. O Concilio abrira as portas a unha revolución evanxélica, e o que estes dous papas trataron de impoñer foi unha renovación de compromiso, con arranxos de forma e acomodacións de estilo, que no fondo non facían máis ca apuntalar o mesmo antigo edificio. Procedeuse mediante unha hermenéutica restauradora da mensaxe conciliar, co fortalecemento da autoridade central, co control da elección dos bispos e o debilitamento das conferencias episcopais e das igrexas locais, coa formación conservadora nos seminarios, coa exclusión das mulleres e a falta xeral de promoción do laicado.

Se Xoán Paulo II insistiu sobre todo na disciplina de forte e experimentado gobernante, Bieito XVI centrouse na teoloxía. Publicou, continuando tamén o estilo do anterior, algúns documentos excelentes, como Deus caritas est (Deus é amor), Spe salvi (Salvados pola esperanza) e Caritas in Veritate (Caridade na verdade), que resultaron luminosos e esperanzadores, en canto se centraban nos anuncios centrais da fe, evitando cuestións laterais e discutibles.

Pero, no tocante aos esforzos relativos a unha actualización teolóxica de fondo, traizoouno a súa interpretación do servizo papal, considerándose como de «papa profesor»: pensou que a súa autoridade pastoral como proclamador da fe e animador da vida en sentido evanxélico, o investía tamén co poder de controlar o «servizo teolóxico». Converteu a súa teoloxía en modelo da teoloxía. En consecuencia, continuou, reforzando con nova autoridade de papa, o control autoritario que exercera como prefecto da doutrina da fe. Multiplicáronse as censuras, os procedementos e as exclusións de canto soaba a renovación de fondo, impoñendo no ensino máis ou menos oficial os textos dos representantes da restauración teolóxica. Simplificando: Hans Urs von Balthasar fronte a Karl Rahner.

Respecto do segundo, chegou a dicir: «Trabajando con él, me di cuenta de que Rahner y yo, a pesar de estar de acuerdo en muchos puntos y en múltiples aspiraciones, vivíamos desde el punto de vista teológico en dos planetas diferentes». Xusto aí e tamén simplificando, aparece un síntoma, que, permítaseme a opinión, é todo un diagnóstico: o teólogo Ratzinger está moi lonxe da creatividade e da fondura do teólogo Rahner. Non soubo coma este recoñecer a necesidade dun «cambio estrutural da Igrexa», nin dunha superación radical do paradigma escolástico, abrindo para a teoloxía e para a Igrexa un futuro que está golpeando cos puños as portas da humanidade. Da humanidade relixiosa, que necesita que entren de novo os aires frescos do Evanxeo. E da humanidade secular, a que non lle sobra escoitar o ofrecemento de luz e de esperanza que hai dous mil anos se acendeu con Xesús de Nazaré.

Non é casual que peche aquí estas reflexións con esta evocación. Pois confeso que sempre me pareceu a perda dunha ocasión enorme que o desenfoque no diagnóstico lle impedise a Bieito XVI aproveitar neste tema central as súas excelentes calidades de síntese precisa e exposición clarificadora que lle ofrecía a ampla difusión do seu libro sobre o Nazareno. Por non asumir os avances dos estudos bíblicos, da proclamación conciliar da autonomía do mundo e do novo diálogo das relixións, non acertou en presentar ao mundo unha visión actualizada e verdadeiramente crible da súa figura. A figura entrañablemente humanísima, de un coma nós, que, anunciando de palabra que Deus é amor infinito e perdón incondicional, e que, exercendo de obra unha conduta fraternal, comprometida e liberadora para todos os humillados e ofendidos, segue aí como faro aberto, que, hoxe coma nos inicios, lanza sinais cos que moitas persoas no mundo sintonizan intimamente, atopando neles sentido e salvación.