Raíces

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

12 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As raíces son as que unen ás árbores á terra. Pero son tamén as que alimentan ás árbores para que crezan e multipliquen o seu vigor. Sen raíces nada somos. Quen as perde, pérdese tamén. Quen renega delas está condenado a vagar extraviado polo labirinto da vida. Raíz é unha voz polisémica que, a súa vez, é quen de xerar expresións curiosas. Dende a raíz cadrada á cúbica, da raíz dun nervio á raíz dun problema. Tamén existen os «ben de raíz»: predios rústicos ou urbanos. Porén, de todas as raíces, eu quedo con dúas expresións: lanzar raíces e cortar o mal pola raíz. Vivimos tempos nómadas. Estamos aquí e en todas partes. O nomadismo foi o primeiro estadio do ser humano. Co tempo, asentaron. Construíron as súas paisaxes. Avanzaron. Amaron. Procrearon. E odiaron. Ao odio hai que arrancalo: cortar o mal pola raíz. Pero o odio permanece. Todo pasa, menos el. Coñezo xente que fundamenta a súa vida no odio. Non son nada en si mesmos. Pouca cousa. Polo tanto dedícanse a lacerar aos que non son coma eles, ou pensan distinto, ou camiñan libres sen pastor ou cadea. Nunca vivimos tempos tan censores coma estes que transitamos. Quizá a peor das censuras sexa a autocensura. A linguaxe inclusiva, imperativa e desinformada, é un dos exemplos latentes da censura. Vai contra as raíces porque ignora o lugar onde está sentada a linguaxe: un sistema arbitrario e convencional. Froito desa convención chegamos á ferramenta máis precisa e preciosa que posuímos: o masculino xenérico. É un axioma gramatical que funciona. Ou funcionaba. Porque neste tempo de «todos os galegos e todas as galegas» (así o afirman esquerdas e dereitas) só nos queda caer. Non hai raíz que una as árbores á terra.