Capote

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Carl Van Vechten

Houbo un tempo en que os libros de Capote derramaban o seu saber, e a súa música, entre os meus dedos. Non había ruído. Eu procuraba o silencio nas beiras do río e só o borboriñar das augas despertaban, cos chíos dos paxaros, un anaco de civilización no meu retiro. Non mudou demasiado a miña vida. Dicía Carlito Brigante na película (Carlito's way) de Brian de Palma: «Un nunca se reforma. Só perde forza co paso do tempo». Sigo sendo o mesmo. Procuro fuxir do presente. Átome a el, unicamente, porque aínda teño o costume de protestar e rebelarme. Se non fose así deixaría de escribir, de opinar, dicir, contar. O mundo da arte actual resulta tan artificioso, falso, que só encontro abrigo nos clásicos. Vou de paseo con Truman Capote, aínda. O máis semellante á súa autobiografía son os textos que compoñen The Dogs Bark. Public people and private places. Non coñezo versión galega. En español: Los perros ladran. O libro está cheo de anotacións. De antes. Hai máis de vinte anos. En verdade, nada cambia. Só mudan os personaxes. A trama é a mesma: nacer, vivir, morrer. No medio encontramos a alegría e o seu contrario. Algún Satán, e moitos anxos e santas. Sempre pensei que o número de boas persoas é moi superior ao dos pérfidos, perversos e ruins. Aínda que non o pareza. Capote creo que pensaba o contrario. Era un artista. Enorme. Tan extraordinario que fixo arte coa súa vida. Escribiu: «Se a civilización se destrúe, encontrarán os herdeiros diñeiro entre as ruínas? Ou unha estatua, un poema, unha obra de teatro?». Quizá hoxe pensaría que tras as ruínas quedará unha pantalla vociferando, cutre e vulgar. E un cretino, profeta da internet, dende a nube proclamando: «Conseguímolo».