Ramón Tamames non é unha ocorrencia de Abascal. O líder de Vox non foi á caza do economista exmilitante do PCE para trocar a imaxe de «herdeira do franquismo» que ten a organización. É Tamames quen leva tempo procurando seducir a Abascal, presentándoselle coma o merlo branco que Vox necesita.
Nunha entrevista, no 2022, despois de recoñecer a súa colaboración con López Rodó nos Planes de Desarrollo, que considera brillantes, engadiu: «Un legado que no sabe explotar Vox». E ao falar do milagre económico español daquel tempo cun crecemento anual do 7,7 %, comentou: «Claro. Eso no lo explica Abascal porque no conoce bien la historia económica, pero si lo supiera explicar dejaría en el ridículo más espantoso a Sánchez». Son mensaxes que excitan a libido política dun líder ambicioso e, claro, Abascal relouca de gozo ao pensar no profesor Tamames encabezando a moción de censura de Vox contra Pedro Sánchez e telo como asesor persoal.
Escribo sen saber se vai haber acordo ou non, pero nesa operación Vox e Abascal teñen moito que gañar e nada que perder porque de Tamames nada poden temer. Nunca comunista foi e agora nin republicano é. En 2020 chegou a afirmar co ton máis solemne que unha nova república sería a orixe doutra guerra civil. Ademais, aborrece a Lei de Memoria Democrática do PSOE, rexeita a percepción de Vox como forza política herdeira do franquismo, afirma que os servizos públicos xestionados directamente polos concellos son un 40 por cento máis caros e, como tantos outros vellos, intúe a Deus no infinito. Segue sendo antifranquista, si; e repite que Franco foi un asasino, pero iso molesta aos espadóns gotosos e potrosos que quixeran «fusilar 26 millóns de fillos de puta», e poucos máis. A Vox ata lle vai ben.
E Tamames? Que rédito obtén ao se comprometer con Vox? O de satisfacer o seu enorme ego abrindo os informativos do mundo. Contra críticas e descualificacións quedou vacinado o 29 de xuño de 1989, cando apoiou a moción de censura do PP e o CDS no concello de Madrid contra o alcalde socialista Juan Barranco. A xogada non puido ser máis fea: Tamames encabezara a lista de IU, pasara ao CDS e nin sequera se abstivo. Votou en contra, aínda que o seu voto non era necesario, e o novo alcalde foi Rodríguez Sahagún. Aquel día deixou claro que a Tamames só lle importa Tamames.
E agora anda toliño por enfrontarse no Congreso ao presidente Pedro Sánchez. Non o nega, nin o disimula; recoñéceo: «Si no lidero la moción de Vox, puedo arrepentirme toda mi vida». A parte cómica é que no comité central do PCE, Tamames propuxera a xubilación dos líderes aos 65 anos, xusto os que tiña Carrillo. El ten 89, pero di que aínda ve medrar a herba. A súa, seguro.