Aprendendo de Janis

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

-

15 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

De estar viva tería 80 anos. Como o seu adorado amigo Jimmy Hendrix e algúns outros, marchou aos 27 ferida de soidade e heroína. Janis Joplin fuxiu da conservadora Texas para darlle a volta á música e para estremecernos aínda hoxe cada vez que a escoitamos. Máis aló da súa música e dos seus amores (Chelsea Hotel, de Leonard Cohen, naceu diso), eu quedo cunha frase súa: «A palabra liberdade é só outro xeito de dicir que non tes nada que perder».

A frase está chea de universos. Como case que calquera frase que aloxe no seu interior a verba «liberdade», un dos vocablos máis prostituídos da historia, que reivindican os nostálxicos de Franco ou os comunistas, Shakira ou os anarquistas máis viscerais, o meu veciño da urbanización e os que gustan do reguetón. Pola liberdade mátase. Pola liberdade escravízase. E non é polisémica pero a xente seica si, e fan con ela o que queren. Miguel Hernández dixo que por ela sangraba, loitaba e pervivía. Eran tempos, precisamente, onde a liberdade desaparecía en nome dunha España que se dicía grande e, mira por onde, libre.

Janis Joplin sería hoxe unha velliña sen nostalxia, estou certo. Máis ben, maxínoa como foi: iconoclasta, de novo, libre. Porque medrou tendo todo en contra e, malia iso, conseguiu ser. Viña da Texas profunda, de terra de caimáns e lama, de humidade e cinturóns bíblicos aínda hoxe moi duros, en especial contra as mulleres. Humillada dende nena polos varóns da súa familia (non se dirixían a ela como «Janis» senón como «Fea», a xeito de nome propio), decidiu non ser mestra de escola para poder ser mestra da vida. Descubriu, no sur racista dos Estados Unidos, que na música negra había máis verdade que na convención supremacista branca. Cruzou o río Sabine para escoitar as bandas prohibidas e, con elas, nutrirse como artista.

Tantos anos logo do seu pasamento penso en todo o que poderiamos aprender, como sociedade, dunha persoa coma Janis Joplin que perseguiu a liberdade, que a tivo como única bandeira. Nun instante no que non temos problemas en dicir abertamente que non pasa nada por renunciar a ela en nome da seguridade, cando xa temos claro que a intelixencia artificial e os logaritmos ao servizo das grandes corporacións van gobernar a nosa vida, reivindicala é, probablemente, un xeito de resistir, de entender que hai un norte de progreso cando todos queren pecharnos nun sur descabezado. Janis sabía que non había nada que perder. Aprendamos dela.