Meu carnaval

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Rosa Veiga | EUROPAPRESS

16 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitarás que entra a primavera. Que elevamos a carne, exceso e alegrías, frenesí e quenturas da alma. Escoitarás teorías e a sabios que andan á procura das orixes do entroido. Porén, o entroido só vive en ti se ti vives nel. É unha cuestión xenética difícil de explicar. Como a poesía. Borges aseguraba que é inexplicable, pero non inintelixible. O entroido existe cando ti existes no seu reino. O resto son conxeturas. Hai quen inventa entroidos a golpe de talonario. Pobres. Hai quen imita outras xeografías, de Tenerife a Río de Janeiro. Hai quen pensa que o entroido é un botellón. Todo mentira. O entroido é ou non é. Hai lugares nos que crece por debaixo das pedras. Hai outonos que son entroido. E na mirada do Julio do Salgueiro, meu amigo, hai entroidos en medio de calquera agosto. O entroido non podes vivilo se el non vive en ti. Non digo que sexa preciso nacer nas vilas onde o entroido é festa maior. Digo que o entroido é un zume que percorre o teu sangue dende que naces, ou creces, ou como unha epifanía sentes o seu rubor ancestral e calórico. Amo o entroido irremediablemente. Cos anos, xa maior, sigo estimando estes días que levo escritos no sangue do meu sangue. Véxome con capuchón e coa bolsa de fariña, de neno, con rostro melancólico por ter que regresar aos Salesianos (a 75 quilómetros de Verín). Véxome cantando, rindo, soñando amores que nunca me amaron a min. Véxome con sesenta invernos e penso no desexo do meu primo Gerardo. Díxome hai anos: «Neno, quero morrer aos noventa, cun golpe de tose un martes de carnaval». Imaxino que o meu primo de contado ha de dicirme que cambia os noventa polos cen. E así será. Quedan mil anos por diante, meu carnaval.