Retoques

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Perdón por dicir «tontos», pero debémonos volver idem se nos dá por corrixir a literatura do pasado para que non pareza, precisamente iso: pasada. A reescritura tócalle agora a Roald Dahl, un señor que hoxe tería 116 anos e hai corenta escribiu obras mestras coma Matilda. En todos estes anos e latitudes, non se soubo nunca dun neno que cometese un crime, escapase da casa, matase unha mestra, ou insultase un pai por culpa das palabras ofensivas de Dahl. Claro que a súa escrita é previa a esta época aborregante en que a literatura infantil está antes ao servizo do aleccionamento ca do pracer da lectura. Non imaxino a Roald Dahl coma moitos autores de literatura infantil e xuvenil actuais, pactando co editor un libro sobre o bullying ou outro sobre a rabia, en función de datos recadados polos comerciais a partir de demandas do profesorado. Todas as que nos dedicamos á literatura sabemos o que acontece coas obras en que hai sexo, política ou simple dificultade argumental: xamais serán prescritas. Pero a rapazada non le por pracer os libros que lles mandan, mais si os de Roald Dahl.

A infantilización da lectura comezou aí, coa literatura atrapada pola peor pedagoxía bempensante, e chega a todos eses adultos incapaces de ler capítulos de máis de tres páxinas, de entender un xénero que non sexa comercial, ou de pillarlle a graza a un clásico. Lográrono: a lectura xa non produce xente que pensa, perigosísima coma eses nenos respondóns, revirados, libres e trastes dos libros de Dahl. Claro que hai que corrixilo, e a Nabokov, Shakespeare, Rosalía... Non vaia ser que os leamos desde o noso saber presente e, coma Matilda, sexamos mil veces máis listas ca os nosos mediocres pais e armemos unha revolución na escola para acabar coa directora.