Axudas a familias numerosas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Alberto Ortega | EUROPAPRESS

21 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que as persoas que libremente deciden ter máis fillos reciben máis axudas independentemente do seu nivel de renda? Os impostos indirectos afectan a todos os cidadáns. As axudas directas benefician a todos os cidadáns. Sábese ben que os impostos que gravan a quen máis ten e as axudas destinadas a quen máis o necesita son máis xustas e equitativas. Folga saber moita historia económica mundial para chegar a esa conclusión. Cóntacho calquera avoa, de calquera aldea, que non teña unha neta que a entole con andrómenas de Business School mentres merendan.

 O asunto destapado en Madrid, dun acaudaldo vicepresidente do Goberno de Ayuso que cobra unhas migallas de axudas vinculadas á súa condición de pai de familia numerosa, converte nun escándalo algo máis que sabido. A lea enguedéllase porque a líder da oposición que o acusou tamén as cobra. O primeiro di que ten todo o dereito e vai seguir cobrando porque ten dereito e porque ademais o diñeiro «é de Sánchez», como argumento. A segunda confesa o erro, declara ignorancia e di que non quere cobralas máis. O asunto de fondo, máis sabido que contado, require revisión. Axudas directas e bonos proliferaron ligados á pandemia e a inflación para todo tipo de consumo, incluído o enerxético. Atinxen a ricos e pobres. As familias numerosas poden beneficiarse máis directamente desas vantaxes.

O señor vicepresidente ten razón, pode cobralas, pero os cidadáns podemos valorar que nos parece que o faga. A min unha ruindade. Os meus fillos aproveitan a condición de familia numerosa, permitiulles viaxar máis e máis barato ou reducir o pago nalgunhas matrículas. Coas ultimas políticas de recuperación, moitas das viaxes que fan son case gratis e a nova política de bolsas posiblemente os ampare tamén, ese é o camiño. Ver familias acomodadas encher o carro da compra de bebidas e reducir o pago na caixa do centro comercial coa tarxeta de familia numerosa é algo que non logro entender. Tampouco que, despois de perderen os fillos maiores a condición de membros da unidade familiar, sigan os pequenos a beneficiarse.

A inxustiza e falta de equidade dun sistema de axudas universais non ten ningún misterio. Sábeo calquera que fóra mordomo da comisión de festas dunha aldea. Hai pouca dúbida de que a progresividade dos impostos segundo a riqueza, que pague máis quen máis ten, axuda á súa redistribución. Na transición á democracia logrouse que esa fora a base do sistema fiscal español, despois dunha ditadura tan allea ao dereito neste asunto como noutros. Era parte da modernidade e a integración en Europa, tamén era un logro repetidamente frustrado ao longo do século XX. Fuentes Quintana, o artífice da reforma do imposto da renda nos gobernos da UCD, explicábao nunha frase: a guerra de 1939 gañárona os da «coiraza fiscal».

A pregunta máis importante que revela este asunto: por que é necesario fomentar a natalidade en Madrid senón é por unha cuestión ideolóxica? Pode ter sentido no mundo rural abandonado e para familias que necesitan os recursos. Pero témoslla que financiar a este señor?