Salorio

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

Con Salorio eu falaba de Borges. En torno a Borges. Por moito que quixera fuxir, os seus ollos collíanme, asaltábanme, preguntaban con cigarro na man e mirada on the rocks perdida nun vaso melancólico. As chaquetas sempre lle quedaban como lle quedan a Bogart: elegantes. Camiñaba lento e tiña aire de ciprés, vertical e místico. Sentía curiosidade polos asuntos que só despertaban a curiosidade dos argonatuas: perdidos nun ceo añil, soñado, onde alguén pronuncia frases imborrables. «Eu vin cousas que ninguén podería crer... todos eses momentos han de perderse no tempo como lágrimas na chuvia». Salorio susurra a banda sonora da miña memoria calquera destas noites de primavera, inabarcables. Sensato, sabio, amigo dos amigos, confidente de mil confidencias nunca contadas, cómplice. Todos eses momentos han de perderse no tempo. Quizá marchou un dos maiores humanistas que deu a historia de Galicia. Non ocupou demasiados titulares. A el tampouco lle gustaría. Saíu do escenario caladamente. Como só saben saír os imprescindibles. Eu creo que os seus ollos eran de auga. Quizá ese é o motivo de ter nos ollos, ese misterio, a súa profesión. Botarei de menos os seus interrogantes. Sobre Borges. Un día preguntoume cómo un ser humano podería acadar tal grao de intelixencia e sutileza. Mireino a el. Falamos de El libro de arena ou do amor por Kodama. A Salorio tamén lle parecía inexplicable. Quizá Salorio e Borges sabían que todo o que non se pode explicar é a causa da arte. A morte tampouco se pode explicar. Por iso hei de botarte de menos. Salorio foi un dos imprescindibles. Vertical. Mirada afable. Cigarro e cristal. O último gran talento. Sánchez Salorio que estás no ceo...