
Os grandes poetas saben captar, con poucas palabras, a substancia recóndita dunha cidade, esa emoción que compartimos, ese espírito silente que, sen decatarnos, se vai transformando e ás veces esvaece insensiblemente.
Na nosa mocidade as horas de Compostela eran longas, parecía unha cidade atemporal, case eterna no interior dos habitáculos pétreos onde morabamos e rezabamos, nas rúas que acollían o noso deambular pausado ou apresurado entre as aulas e os locais de diversión. Aquela época que a nosa memoria enxalza non foi mellor, senón máis dura e mesquiña para moitos. O que sobrevive sempre é a pedra convertida en arte, inconsciente de que o aire a vai levando gran a gran.
É difícil agora descubrir o espírito dos tempos, mediatizados como estamos entre o peso dun pasado consagrado e a inmediatez dos acontecementos, cadaquén ao seu coa urxencia da tecnoloxía que nos envolve. É difícil encontrar momentos para a emoción, a beleza, o esencial, porque todo parece volátil e apenas podemos pararnos a pensar nin a gozar, falar e compartir as sensacións, o espiritual. Estamos hiperconectados, vibrantes, pero un tanto incomunicados; oímos pero non escoitamos, vemos pero non miramos, andamos pero non paseamos.
Fronte a ese asedio do perentorio medra como unha especie de rebelión a necesidade dun novo humanismo aínda por definir, dun espazo de relación máis sereno por construír. Nos lugares históricos nace o fulgor que se proxecta sobre cidades e países. A cultura coa súa función á vez estimulante e lenitiva, o teatro e o cine, a literatura e a música, as artes plásticas e a arquitectura,… ten que se inserir na realidade a través de campos para o diálogo, a reflexión, a comunicación, actuando como amálgama do humano.
Sen un ápice de nostalxia, vexo a Compostela autocompracente por un consenso auspiciado pola institucionalización e o negocio desmedido, nunha deriva que pode conducir a un cambio na razón de ser e de convivir. Invito a reler a García-Bodaño e pensar na resposta a aqueles versos cos que nos interpelaba hai mais de catro décadas: «Pensástedes para que poden servir as rúas e mais as prazas … onde se mide o silencio. Pensástedes no que pode ser o tempo si non se reconstrúe a cada intre, si non se enche de pobo e liberdade…»
A resposta pode alumear o espírito para o novo tempo comprometido coa liberdade en común e a busca constante da equidade económica e social, cunha modernidade racional e aberta a todos os cambios, sen prexuízos e sen intransixencia.