Eu non sei de economía e cando oio o ruxerruxe dunha posible crise financeira lembro as palabras que Thomas Jefferson, terceiro presidente dos EE.UU., escribiu en 1892 ao secretario do Tesouro: «Coido que as institucións bancarias son máis perigosas para as nosas liberdades que exércitos dispostos ao combate. Se o pobo americano permite un día que os bancos privados controlen a moeda, os bancos e as institucións que medran ao seu arredor privarán á xente de toda posesión. Primeiro pola inflación e despois pola recesión, ata o día en que os americanos espertarán sen casa e sen teito na terra que os pais conquistaron». Os miles de familias españolas que perderon a vivenda na crise de 2008 terano por profeta.
A xenreira dos comunistas aos bancos vese en A ópera dos tres centavos, estreada en 1928 con libreto de Bertolt Bretch, cando o personaxe Mackie o Navalla pregunta:
—Que é peor, atracar un banco ou fundalo?
Poderiámola repetir nós —comunistas ou non— ante o expolio que financeiros e políticos metidos a financeiros fixeron nas caixas de aforros españolas. O presidente Mariano Rajoy e o ministro de Economía Luis de Guindos afirmaron no Congreso que o rescate ás caixas tería un custe cero para a cidadanía, pero o certo é que dos 58.000 millóns inxectados só se recuperou un 10 %. Se a iso engadimos o timo das preferentes e outras falcatrúas, somos lexión os cidadáns —comunistas ou non— que vemos atinada a pregunta de Mackie o Navalla.
Pero o dos bancos non é un problema de capitalismo ou comunismo. Julio Camba demostrara que, no fondo, capitalismo e comunismo son a mesma cousa, e a crise financeira de China, en 2020, deulle a razón porque empezou cunha enorme burbulla inmobiliaria, igualiño que en España. O problema dos bancos é que negocian con altísimo risco e para banqueiro non vale calquera. Se eu tivese que deseñar a imaxe do banqueiro ideal, tomaría como modelo a Mr. Dawes, presidente do Banco de Londres na película Mary Poppins, que loita a brazo partido co neno protagonista por unha moeda dun centavo. Así debía de ser o vello banqueiro americano que, cando soubo dun mozo limpabotas que tiña un millón de dólares no seu banco, levouno ante o consello de administración como exemplo de emigrante aforrador. O mozo contou que chegara sen nada había dez anos, e alguén lle dera unha mazá; pero en vez de comela, vendeuna e mercou dúas máis pequenas. Comeu unha e vendeu a outra. E así seguiu negociando ata que puido mercar a caixa de limpabotas e aforrar algo, ano tras ano. E un día morreu a irmá, amante dun banqueiro, e deixoulle en herdo un millón de dólares.
Por certo, os que saben din que o momento actual é «de incertidume».