A cobiza no mercado

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

22 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As illas non están totalmente desconectadas, o mar que as rodea facilita a comunicación entre elas. Tampouco nós estamos illados, cadaquén no seu casulo. Estamos no vórtice dunha revolución tecnolóxica e científica que supón un cambio epocal con consecuencias para toda a humanidade. Hai avances decisivos que producen melloras colectivas; outros provocan, paradoxalmente, o illamento dos individuos que se reagrupan nas redes para amosar perfís amplificados e mentir sobre realidades que non son quen de asumir.

Hai tamén innovacións dominadas por uns poucos que poden resultar perniciosas porque, ao carecer de control público, non se valoran as súas consecuencias sociais. Non todo cambio significa progreso. É imprescindible que a intelixencia humana prevaleza sobre a intelixencia artificial, non tanto nas súas capacidades como na súa gobernabilidade. Non é para preocuparse que en sete anos se vaian investir 15 billóns de euros en intelixencia artificial?

A política amosa un déficit de pensamento e indecisión ante retos desde calibre. Todos estamos convocados a participar activamente, porque a política está chamada a relacionar o individuo e a sociedade, o público e o privado, o mercado e o interese xeral, a razón e a emoción; contextualiza o local, a cultura e a xeoestratexia, o cambio climático global coas políticas sectoriais; ten que ir por diante prognosticando os danos que pode producir a cobiza daquel segmento do mercado que busca sempre o máximo beneficio, caia quen caia. A política é o instrumento que teñen as democracias para exercer a reflexión crítica capaz de soster a sociedade desamparada.

Falando de falta de contexto e de illamento, dous exemplos, un privado e outro público. Cando unha grande empresa como Ferrovial toma unha decisión de tal calado, ten ben calculados os beneficios económicos, pero avaliou a perda de crédito e opinión no país que a sostivo, España? Valor e prezo, unha vez máis, confrontados.

O tema da vivenda rexorde cunha lei que haberá que ler polo miúdo, xunto coas alternativas que se que formulan. Lembremos o que aconteceu ata 2008, coa construción de 500.000 vivendas ao ano! A avariciosa especulación do mercado do solo abocou á quebra moitas familias e ao abandono da vivenda social. Algo previsible, por certo, como algúns escribíramos antes do estoupido da burbulla. Garantir o dereito constitucional á vivenda supón concertar as medidas coas comunidades autónomas e os concellos, porque sen eles non é posible un mercado de alugueiro accesible.