Hai miradas que son dagas: ferintes. En campaña electoral as dagas, que son miradas, transfórmanse en palabras e consignas. Queda un mes e un día para que se celebren eleccións municipais en Galicia. Nalgunhas comunidades tamén se levarán a cabo os comicios autonómicos. A un mes e un día do acontecemento, o motor dos partidos está en pleno rendemento: a miles de revolucións por minuto. Cada día hai un anuncio ou unha promesa. Dende aquel «puedo prometer y prometo» de Suárez non apareceu un lema máis célebre. Hoxe os lemas duran o que dura un curto inverno. A campaña é un inverno que acontece en medio da primavera. A campaña é un dicionario: empoderamento, sororidade, ecofeminismo, inclusividade, sustentabilidade, corresponsabilidade e outros sintagmas que é preciso pronunciar para resultar moderno. Porén, as palabras non cambian a realidade. A realidade corre ao seu aire, entre consignas que en ocasións resultan falsas. A diferenza é que agora as mentiras son breves, case efémeras. A golpe de redes sociais os partidos anuncian, proclaman, gritan. Son gritos no deserto. Rosas que non crecen nas beiras de ningún mar. Quizá sobren as palabras. O escepticismo é a relixión do presente. Nunca os políticos acadaron menor grao de credibilidade. Cando afirmas que non durmirás se gobernas cun posible aliado e dormes placidamente, algo perdiches, algo desapareceu en medio da néboa das palabras. Por iso é preciso que veñan as eleccións coas súas múltiples caixas de significados e significantes. Que voten os cidadáns, que saibamos se vivimos permanentemente na ficción ou pretendemos saír dela. Quizá o país está anestesiado, inmóbil, silente. Quizá o silencio é tamén unha daga.