
O pedimento de axudas públicas por voceiros empresariais non ten nada de extraordinario, por moito que tamén reclamen sempre a non intervención do Estado na economía, ben sabemos que a maioría das empresas dependen en diferente medida de axudas públicas. En forma de subvencións para a innovación, equipamentos, para exportar ou para promoción, hai toda unha batería de recursos públicos que engraxan e favorecen á empresa privada. Ás veces en forma de axudas fiscais ou deducións, por moito que os voceiros empresariais chamen sempre á baixada de impostos, e os seus voceiros políticos, aquí ou no Reino Unido, fagan diso unha aburrida proclama, un mantra que viría a solucionar todos os problemas da economía.
A economía produtiva, a que produce bens e non só servizos, cada vez ten menos voceiros, as asociacións empresariais parecen estar copadas polos sectores máis afastados da produción. Así debe ser, a xulgar polos discursos que escoitamos nos últimos tempos aos responsables da CEOE, nos que a necesaria defensa dos intereses dos empresarios faise con argumentos que pouco o nada teñen que ver co funcionamento da economía produtiva, os intereses dos sectores produtivos e unha mínima solvencia institucional.
Onte foi Primeiro de Maio, día do traballo e dos traballadores, sen os que a economía produtiva empresarial nin tampouco a financeira pode producir ren. Compre lembrar esta simpleza porque escoitando algúns deses voceiros diríase que eles mesmo remangados atenden a cadea de montaxe de autos, os trens de laminado, poñen ladrillos ou constrúen as pontes e os viadutos —tamén os que se caen—.
O que pensei que nunca chegaría a escoitar, sentinllo dicir hai uns días a un vicepresidente da CEOE que seica representa ás pequenas e medianas empresas. As que son maioría no Estado español, como se encargou de repetir. Segundo este voceiro, a solución para os traballadores pobres é que se aumenten as axudas públicas, que o Estado, as autonomías e os concellos se ocupen de atender as necesidades mínimas que non dan cuberto co seu salario. De caridade non falou e aínda bo foi.
Os traballadores pobres, dos que escoitamos que cada vez hai máis, son os que traballan por un salario que non lles cubre sequera as súas necesidades mínimas vitais como vivenda, alimentación, vestido e enerxía. A pregunta é inevitable: como é posible que iso aconteza. Naturalizar esa situación de semiescravitude que coidábamos que xa só podía lerse nas novelas de Dickens non pode máis que movernos á protesta, pero escoitar ese razoamento por parte dun representante empresarial, nun medio de comunicación, sen que sequera lle trema a voz, só pode mover á ira. O demo me leve!
Haberá que repasar o concepto de plustraballo para comprender de onde sae a riqueza empresarial. E haberá que revisar o concepto de emprendemento identificado co empresario e empezar a aplicarllo a eses traballadores e traballadoras pobres que aumentan arredor de nós pola avaricia e a ansia de lucro desmedido dos seus empregadores.