O neno non come...

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ANGEL MANSO

03 may 2023 . Actualizado a las 11:00 h.

Non sei se é cousa do noso país en concreto ou unha tendencia máis estendida, pero o certo é que sufrimos unha pequena obsesión con darlle de comer, e moito, aos nenos. Agrádame ler a un pediatra relaxando estes temas. Asegura que os nenos comen menos do que pensamos.

Compartir xantar con cativos e avós... ás veces é complicado. O neno ten que comer o que se lle di e na cantidade que nós pensamos. E comezan as discusións e as presións. Pero... parece ser que, se non se come un alimento, non é un drama. Hai que intentar manter unha relación sa coa comida, e esta implica tamén gozar da mesma.

Hai días que os nenos comerán máis, porque lles gusta o que hai, e outros que comerán menos. E non pasa nada. O importante é manter unha dieta equilibrada e saudable, e tratar de achegar as distintas comidas con tranquilidade. A imposición non adoita, nunca, ser un bo método, sexa cal sexa a situación. Co tempo, pode darlle a volta á tortilla. Tanto insistir en non comer galletas, nin azucre... limitar a dieta a peixe cocido, verdura fervida... pode dar lugar a adultos cunha relación tóxica coa comida. Todo, na xusta medida, é necesario. Evitar moitos alimentos tampouco é beneficioso para o organismo.

Os traumas vólvense anorexia, bulimia ou obesidade, que poden desencadear noutro tipo de problemas ben complexos. Non debemos esquecelos. Menos agora, que chega o verán e os corpos deixan de agocharse nos grosos abrigos de la. Volvemos situarnos no punto de mira.

Previr é un bo inicio de camiño.