Un galeguista na trincheira
OPINIÓN
Un mozo de 17 anos chega a Madrid ilusionado para iniciar a carreira de Dereito. Pronto atópase coas pullas sobre os galegos. Aí esperta en Del Riego un compromiso inquebrantable co seu país, que se articula na súa actividade pública desde moi novo en asociacións e institucións culturais ou organizacións estudantís.
Durante toda a súa vida traballa sen reparar no esforzo ou o recoñecemento, cun fino criterio para ter moi claro o que cumpría facer en cada momento e coa determinación e o empuxe para converter as ideas en feitos. Desde o suplemento La Noche á forxa do proxecto para a fundación da editorial Galaxia esperta ilusións. Ramón Piñeiro escribíalle desde o cárcere de Yeserías en 1948: «Fálame da nova editorial galega e das vosas inquedanzas i esforzos para que esta empresa acade a envergadura e a consistencia necesaria». Del Riego busca alianzas desde a cultura para superar divisións ideolóxicas e xeracionais, actuando como a clave de todos os arcos: o que une o exilio interior e o exterior, o do galeguismo progresista e o conservador, o das xentes da cultura e da economía, o dos herdeiros das mocidades galeguistas cos mozos dos 50. Despois da guerra, colabora incansable na prensa, desde El Pueblo Gallego á revista Galicia que dirixía Seoane en Buenos Aires, de Galicia Emigrante ao Faro de Vigo. Xestionaba as colaboracións dos escritores galegos nas publicacións do exterior e incorporaba sinaturas da diáspora en Grial, mentres elaboraba manuais e antoloxías que debían axudar a preservar, difundir e estudar a nosa cultura.
Debullando toda esa actividade tomamos conciencia da importancia que pode ter o labor dun individuo nun proxecto colectivo. Pero quen era ese home que, ao ver truncado tan cedo os seus ideais e o seu proxecto vital, decidiu resistir teimudo na defensa da causa perdida? Unha imaxe imponse iluminando este reconto de méritos: é a imaxe dun mozo de 23 anos atrapado nunha trincheira de guerra no bando equivocado.
De repente, ese señor maior cargado de méritos, presidente da RAG, director da editorial Galaxia e a Fundación Penzol, esváese ante o mozo que vén de rematar os estudos universitarios, cheo de enerxía e confianza nas súas capacidades, resolto a traballar por construír un mundo mellor. Un paradigma do mellor potencial humano de repente derrubado pola forza brutal da historia, atrapado nunha gaiola inundada, condenado a contemplar a mezquindade do espírito humano e obrigado a participar. Del Riego narra ese momento en páxinas inesquecibles da súa novela O cego de Pumardemón. Unha memoria da guerra desde dentro, desde os ollos dun soldado á forza que non pode fuxir. É aquí onde toda a súa biografía cobra sentido como un paradigma da resiliencia, do que pode a vontade de dignidade fronte á forza do instinto dominador. A resistencia dese mozo destruído: nada máis valioso, nada máis presente.