É a semana das letras. Nas revistas e nas redes fanse virais os artigos nos que nos animan a levar un libro na man como acto de revolución. Eu diría tamén como fachenda. Os libros fálannos. Lemos mentres vivimos as páxinas que levamos entre as mans. Vivir sempre nos enriquece. E ao portalos, os libros falan de nós.
Tamén hai quen anima a chiar en galego.
Son ambas accións moi bonitas. Vou atreverme a engadir outra proposta. Repitamos estes mesmos xestos dentro dun tempo, cando xa non lembremos que foi o Día das Letras Galegas. Porque a verdadeira revolución sería facer todo iso ao longo do ano. O 17 de maio dedícase a honrar a unha persoa destacada polo seu labor a prol da nosa lingua. O resto de xornadas están para sachar no anónimo.
Lembro cando ía ao parque coa miña nena maior e eu levaba un libro para ler. Sei que moitos me miraban de esguello desde a terraza na que saboreaban a súa consumición. Tamén levo libros á praia, cando vou á aldea, no tren e incluso no coche. Sei que seguramente neste último non o poderei abrir, porque me vou marear, pero... quen sabe! Por se acaso. E se chego a un lugar con antelación, tamén leo.
Estas son datas marabillosas para botar a andar moitas iniciativas. Pero sería máis bonito que chegásemos dentro dun ano mantendo a militancia acesa.
Sería fermoso encher o día a día de libros. As rúas, os parques, os andeis das casas, os minutos antes de durmir, xa acochados na cama. Libros nas mans, libros en alto, libros por bandeira, libros no corazón.