Pasa o día e pasa a romaría, di o refrán. Oxalá non sexa así. Oxalá poidamos estirar a festa, como de feito vimos facendo, ata encher a vida toda, alén de liturxias e celebracións. A lingua son os falantes. Os falantes constrúen o idioma todos os días. A festa das letras é unha ocasión tamén para reflexionar. Que queremos facer co noso idioma, patrimonio dos avós, marca de identidade para andar polo mundo? Se ollamos cara atrás, contra cincuenta ou sesenta anos por exemplo, abofé que demos pasos xigantescos. Malia os agoireiros, nunca houbo tanta creación en galego, nunca tanta literatura, nunca tantos recoñecementos mesmo alén das nosas fronteiras (na novela, na poesía, no ensaio, no audiovisual, no cinema, nas artes escénicas, na música, mesmo na ciencia e na tecnoloxía). Nunca o galego dispuxo de tantos recursos técnicos, económicos, científicos. Nunca a celebración do Día das Letras Galegas mobilizou tanta xente, por riba de diferenzas ideolóxicas e de parte. Supoño que era isto o que buscaban Francisco Fernández del Riego e os seus compañeiros da RAG.
E non obstante, a lingua ten problemas. Se cadra porque o que leva séculos de estragamento necesita tempo para a recuperación, mais tamén unha política decidida, unha inxección de enerxía que non se aplica. Certo que outras linguas de circunstancias semellantes viven tamén momentos difíciles. Quen daba algo polo éuscaro hai cincuenta anos, por poñer un caso? Pois velaí está, en crecemento de uso. Somos unha lingua con demografía limitada, e este é un condicionante importante. Mais somos unha lingua do século XXI que está presente no concurso das culturas do primeiro mundo, e este tamén é un factor do que deberiamos sentirnos orgullosos.
O galego ten nestes momentos dous desafíos que debemos afrontar. Por unha banda, as novas tecnoloxías da comunicación, a aldea global da que falaba McLuhan, que impón modelos de uniformización aplicando as grandes economías de consumo masivo. Contra iso a nosa estratexia de por forza ten que ser a diferenciación e a calidade dos produtos (culturais, empresariais, científicos, gastronómicos, turísticos…) Cartas temos para xogar a partida: na pesca, na gandería, no viño, na pedra ornamental, na paisaxe, no patrimonio histórico, nas industrias da cultura… O outro gran desafío é a continuidade xeracional: a transmisión do uso da lingua de pais/nais a fillos/fillas e, sobre todo, os procesos de socialización para a rapazada máis nova (produción audiovisual, debuxos animados, videoxogos, recursos deportivos, propostas de ocio, campamentos extraescolares), tamén para os adolescentes. Investir creativa e economicamente nestes ámbitos é fundamental, entre outras cousas para romper o gueto da escola. Ante tales desafíos cómpre unha política cultural e lingüística menos temorosa e máis decidida, sen complexos, unha política integradora, ese gran pacto do que sempre falamos e que non só atinxe á política senón ao conxunto da sociedade.