
A exposición sobre os 175 anos do primeiro instituto público de ensino secundario de Santiago de Compostela fai pensar na importancia do ensino público. Nestes tempos de fraxilidade do público, o esforzo da dirección e o profesorado do Instituto Xelmírez, herdeiro directo daquel primeiro instituto de 1845, merece a recompensa de visitarmos case douscentos anos de educación secundaria pública. A revolución liberal española que arrebatou a universidade á Igrexa da contrarreforma —como en toda Europa— non puido porén estender a escola pública da Ilustración como en Francia ou en Alemaña.
En 1979, cando as primeiras eleccións municipais da democracia, lograr un instituto para un concello era todo un programa electoral. Daquela ao longo da costa entre Ribadeo e A Coruña só había institutos en Viveiro (de 1968), Ferrol e Betanzos. A ansia de educación cubriuse por fin coa democracia e pouco valor se lle dá a aquilo do que se ten fartura. Tampouco estamos en tempo de Ilustración nin están tan de moda os benfeitores do común como os que emprenden para si propios. Dende Thatcher e Reagan, o privado gañou ao público surfeando na onda conservadora, pero agora estamos inaugurando unha época diferente. A ameaza ambiental obriga a pensar en garantir bens comúns básicos: aire, auga, terra. Volvemos ao comezo, pero sabemos moito despois de milenios de historia humana e tres séculos de Ilustración.
Sabemos tanto que o outro sinal distintivo desta época é a intelixencia artificial. Un instrumento portentoso á vez que un risco inmenso segundo quen a controle. Máis democrática que a bomba atómica, pode estar en mans de calquera. Eís un dos problemas. Pensar a IA dende o ensino pode levar a pensar mesmo na desaparición do ensino como o prácticamos dende a Academia de Platón e o Liceo de Aristóteles. Non debemos ser tan pesimistas, a IA pode ser tamén o instrumento para aprender máis, mellor e máis axiña. O problema é, si, quen a controla, pero tamén a quen substitúe e que se perde coa substitución. Non gustaría eu dun robot aprendéndolle as primeiras letras aos meus netos en vez desas mestras e mestres de infantil que alimentaron as sensibilidades, a creatividade e as ideas dos meus fillos. Non, se queremos un futuro humano.
Vai depender de se as decisións sobre IA as toma a lóxica pública ou o interese privado. Todo é sabido, as distopías xa as coñecemos; os mellores, empezando por Mary Shelley, advírtennos dende hai dous séculos. O que fagamos dependerá da conversación pública que constrúe a democracia, como nos lembra o historiador Yuval Harari. Se os intereses egoístas de moitos e os intereses económicos duns poucos triunfan sobre a maioría o futuro será negro. Amais do control da IA, xogámonos o control dos avances das ciencias médicas en beneficio dos poucos que poidan pagalo, como empeza a acontecer, ou polo desfrute dos Campos Eliseos do planeta e de fóra por quen os poida apropiar. As tendencias oligárquicas e aristocráticas deste século pugnan por avanzar. Ao cabo o decisivo será, coma sempre, a educación. Cóntase na exposición do Colexio de Fonseca.