Asubían as balas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

24 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

De noite ata os gatos, dotados dunha visión afeitos á escuridade, poden confundirse. Pola contra, hai sons que se intensifican. Asubiou a bala e non houbo dúbida. Aquilo era un disparo. Un grupo de mozos protagonizaba unha lea que xa comezara minutos atrás. O resultado foi, entre outras agresións, un disparo e varias coiteladas á vítima máis prexudicada.

Cada vez é máis frecuente escoitar historias deste estilo, a cada paso, máis preto. Os feitos que recollo aquí tiveron lugar nunha vila galega.

Xa non sei que é máis grave, se o sinxelo que resulta facerse cunha arma de fogo ou a lixeireza coa que se utiliza, ou sexa, o pouco valor que se lle dá a vida e o sangue frío de quen efectúa o disparo. Que sensación pode quedar no corpo mentres os ollos de quen tes en fronte se apagan? Como procesa unha mente que acabas de atentar contra o futuro dunha persoa?

A secuencia non é complexa. Soa una detonación, asubía unha bala, prodúcese o impacto e... aí pode rematar todo para o adversario. Quizais se lle anubre a vista, serás ti, agresor, o último que vexa e pendure do alento último. E logo, fundido a negro. Esgotaráselle a respiración sen que poida despedirse da familia, fuxindo o tempo de dicir quérote ou perdón, sen coidar ou ter fillos, sen alimentar a unha nai ou facer sorrir a un avó. Sen vivir como queira ou poida.

Vivir, iso tan persoal e propio sobre o que ninguén máis debera decidir. Son incapaz de procesar que alguén apague as luces doutra persoa. Porén, amósase tan sinxelo...