As consecuencias do 28-M trasládanse máis alá dos concellos e chegan até a Moncloa coa convocatoria anticipada de eleccións xerais para o 23 de xullo, unha data na que o BNG ten como reto facer que Galiza sexa decisiva na axenda do Estado, conseguir que o noso país teña unha posición reforzada que defenda os intereses dos galegos e das galegas; unha representación sen ataduras para colocar Galiza con máis forza na axenda do Estado en beneficio deste país e da súa xente.
Para iso precisamos sumar máis BNG no Congreso, e nese camiño non nos poñemos límites, imos a por todas para ter un grupo galego forte no Congreso e que a voz dos galegos e das galegas soe máis forte a favor. Saímos a por todas unha vez máis, porque cando o que nós xogamos é o futuro de Galiza hai que ser ambiciosos e ambiciosas.
Igual que o fomos este 28-M en todos os concellos para conseguir estender o noso modelo municipal de éxito, un modelo transformador, que mellora a vida das persoas, con políticas de vangarda para afrontar os grandes retos como o cambio climático, a mobilidade sustentable, a transición enerxética ou a preservación do medio ambiente e da biodiversidade.
As eleccións municipais deixan un gran resultado para o BNG, cun 30 % máis de concelleiros e concelleiras, máis alcaldías, avanzando en todas as cidades e co logro histórico da alcaldía de Santiago.
Pero o 28-M deixan tamén unha reflexión máis de fondo, unha tendencia máis profunda: o BNG é unha forza política en ascenso e consolidada como a alternativa real capaz de derrotar ao PP e abrir un tempo novo neste país. A corrente de simpatía cara o Bloque non deixa de medrar e cada vez son máis as persoas que ven en nós a mellor ferramenta para darlle futuro a este país.
Estamos preparadas para liderar o próximo goberno de Galiza en canto se convoquen as eleccións, para facer historia e que Galiza teña por primeira vez unha presidenta do BNG coas mans libres, coa cabeza e o corazón neste país. Primeiro traballaremos con humildade pero coa máxima ambición para ter no Congreso un grupo galego forte, e despois para empezar a construír unha Galiza en grande cunha presidenta liderando o goberno do país.