O galego non é do BNG

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

31 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É habitual acusar ao BNG de apropiarse da lingua galega. Os demais partidos reclaman que tamén é deles, de todos e todas. Na noite electoral, a maioría dos futuros alcaldes das principais cidades de Galicia fixeron as súas declaracións en castelán. Dáse a casualidade de que quen usou o galego de maneira natural (non imposta nin lida) militaba no BNG, salvo algunha excepción.

A presentación, polo tanto, das alcaldías para os próximos catro anos foi unha posta de longo do castelán. Estes primeiros momentos, as primeiras declaracións en plena euforia, máis naturais e improvisadas, son un índice do que está por vir, dan imaxe de quen nos representa e como o vai facer. E está claro que o farán en castelán. O galego sobrevive no rural. Nas urbes... Teño visitados moitos colexios os últimos anos e teño as miñas dúbidas da súa permanencia.

Non entendo moi ben esa teima de reclamar o galego polas formacións políticas que logo non o usan. Se non o van empregar, para que o queren? Unha lingua institucional non serve de moito. Eu quero unha lingua viva, o que é sinónimo de usala con normalidade, naturalidade e con orgullo. Non foi o que vin na noite electoral.

O galego, por suposto, non é de ningún partido político. Pero imos tendo claro quen o vai protexer, reforzar e impulsar. O uso dun idioma é o seu mellor vehículo normalizador. Non é un panorama moi esperanzador escoitar a inmensa maioría das declaracións dos gañadores en castelán. A situación é índice de cal resulta a lingua vencida.