Unha chamada para Goretti

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

Os recoñecementos políticos de Pontevedra, Allariz ou mesmo Vilar de Santos, por poñer só algúns exemplos de éxito de goberno nacionalista, serviron para ir colocando referentes locais na propia formación e un aviso á sociedade de que tamén hai outras formas de facer política e transformar as vilas e as cidades. Nestas eleccións viuse que o nacionalismo galego segue a medrar e resiste nos máis dos lugares en que viña gobernando. Pero neste ascenso, o BNG incorpora a alcaldía de Santiago coma un novo fito porque estamos a falar da nosa capital e ese exemplo vai ser un reto no que descansen moitas das aspiracións de expansión do nacionalismo. De aí, é doado comprender a euforia de Ana Pontón porque sabe que a cidade compostelá fica en mans dunha das súas máis fieis e válidas figuras. Goretti Sanmartín pode converter a capital nun faro, nunha oportunidade histórica, nun escaparate de futuro.

Escoitei con atención o discurso emocionado de Goretti, case ao mesmo tempo que varios xornalistas, que non comungan coa formación, gababan a preparación e o traballo da candidata, unha evidencia para todo o mundo que a coñece.

Non hai moito, compartín con ela a presentación do libro dunha amiga, e deille as queixas da miña filla maior polo abandono do barrio compostelán en que vive, e a primeira reacción de Goretti foi teimar para que lle facilitase o seu móbil e así podían falar do asunto. É certo que a miña filla aínda non fixo esa chamada, pero estou certo de que cando a faga haberá alguén no outro lado. Coido que esa vai ser unha das máximas da lexislatura de Goretti para converter a cidade nun novo referente: escoitar a xente, percorrer os barrios e transformalos. Por traballo e ilusión sospeito que non vai ser. Sorte!