Gálvez, un bohemio moi popular no Madrid do primeiro terzo do século XX, levou á casa de empeños un gato metido nun saco, pousouno no mostrador e o micho escapou; e cando lle dixeron que os animais non se empeñaban, reclamouno. Non deron con el e despois dun regateo moi irado marchou sen o gato pero cunhas pesetas no peto. En 2019, Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana, que fixera a campaña das eleccións municipais co compromiso de chimpar a José Manuel Baltar da Deputación, presentouse no seu despacho cun saco cheo de votos e, despois dunha breve negociación, Baltar seguiu presidindo a Deputación e Jácome foi alcalde. Algúns, estrañados, comentaron: «Aquí hai gato encerrado». Pero a cousa non pasou de aí.
Os primeiros vídeos que vin das actuacións do alcalde Jácome nos plenos municipais arrepiáronme e avergoñáronme. Ofendíame a súa chulería e doíame que a cidade de Ourense, a Atenas galega de Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas; a Auria de Blanco Amor e tantos excelentes escritores e artistas, estivese gobernada por alguén tan groseiro. Porén, está claro que boa parte dos ourensáns non comparten a miña percepción —e se a comparten non lles importa— porque Jácome, sen cambiar a forma de ser, converteuse no gran triunfador das recentes eleccións. Os éxitos de Ayuso e Almeida estaban cantados, pero Jácome, despois dos audios dados a coñecer polo xornal La Región, nos que di con fachenda que é un experto en branquear diñeiro negro para as campañas, cheiraba a político morto. E de morto nada, que pasou de sete a dez escanos. As posíbeis causas espúxoas o sociólogo Alberto Saco neste xornal o pasado mércores, pero hai outra que non citou e paréceme esencial: a defensa que da súa inocencia fixo na comparecencia ante os medios de comunicación españois o día 10. Jácome defendeuse atacando e plantexou as eleccións municipais do día 28 como a disxuntiva: Democracia Ourensana ou mafia. Afirmou que no seu mandato puxo fin ao enchufismo e ao saqueo das arcas municipais —centos de millóns cada catro anos— e, como así vai seguir mentres sexa alcalde, quixeron acabar con el cuns audios manipulados e adulterados. E para mostrar o doado que resulta facelo, trocou o sentido de varias gravacións que levaba no móbil quitándolles palabras e frases. Ata amañou o discurso do candidato do PP, que o poñía a caldo, e converteuno noutro que o eloxiaba.
Jácome non probou en ningún momento que os audios de La Región fosen falsos, pero a moitos ourensáns abondoulles saber que poderían selo, e votárono. E agora, mentres PSOE e BNG matinan se chimpan ou non chimpan a Baltar, Jácome cantaruxa na alcaldía: «Y no estaba muerto, no, no. Chíviri, cuchíviri, chivirí».