
Entre todas as propostas educativas do informe da OCDE para reducir o fracaso escolar, hai unha que chama a atención e podería pór en pé de guerra todo o sistema. E non ten nada que ver coa evidencia do abandono escolar ou a repetición de cursos, nin con cuestións de ratios, investimentos, currículos... Non, o que seguramente asaltará as noticias é a vella idea de que convén suprimir a xornada continua para que a aprendizaxe nos centros sexa máis efectiva, coma en Dinamarca ou Portugal, onde hai certa flexibilidade horaria e se dispón dunha oferta ampla de actividades extraescolares.
As miñas fillas foron pasando por colexios públicos que, pouco a pouco, se ían adaptando a esa proposta intensiva que se aprobaba con maioría. Para elas, e tamén para nós, ese sistema de concentración horaria foi axeitado porque tivemos a oportunidade de estar xuntos polas tardes e compartir tempo, xogos ou actividades. Mais tamén sabiamos que unha boa parte do alumnado tiña proxenitores que traballaban polas tardes e non podían dedicarlles tempo a fillos que quedaban sós ou ao cargo dalgún familiar. E, talvez, quen máis perdeu coa xornada única foi o alumnado do medio rural que viu como as tardes o devolvían ao traballo do campo coma un destino ineludible, algo que me fixo lembrar as gabanzas desmesuradas que moitos labregos facían do antigo servizo militar, todas elas baseadas, non no que alí aprendían, senón no feito incontestable de que nese tempo de recrutas se vían liberados das tarefas máis duras do campo e, por riba, estaban mantidos. Non é este un bo exemplo para aplicarmos no mundo educativo, pero si serve para sinalar o que de xustiza social podería ter a proposta estrela da OCDE, porque así se lle daría unha oportunidade a ese alumnado máis vulnerable.