A cor do cristal con que se mira

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

24 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Arnaldo Otegi entrou en ETA con 19 anos e participou en secuestros, asaltos e roubos a man armada. Nunca foi acusado de delitos de sangue, pero pasou tres anos no cárcere. Os historiadores téñeno por persoa clave no proceso que en 2011 levou á desaparición de ETA; porén, gran parte da dereita non lle perdoa o pasado e cualifícao de terrorista.

Pío Moa foi membro fundador do Grapo e en 1975 participou no asasinato premeditado dun policía de servizo nunha sucursal bancaria. Un compañeiro levaba pistola e el un martelo por se a arma fallaba. Non tivo que usalo; o compañeiro disparou, o policía caeu morto e el rouboulle a pistola. En 1977 estaba no comando que secuestrou o xeneral Villaescusa, pero nunca foi ao cárcere e converteuse en haxiógrafo de Franco, apoloxista do franquismo e ideólogo da extrema dereita.

Ademais de repetir teimudamente a gran mentira de que a represión franquista, despois da vitoria en 1939, só afectou a roxos criminais, declárase «homófobo, naturalmente», ante os homosexuais; di que as feministas son mulleres frustradas que quixeran ser homes; e maniféstase contrario á lei da concordia que propón Feijoo, porque o único que pode salvar a España é a batalla ideolóxica de Vox contra a Fronte Popular do PSOE. E velaí que os mesmos cargos políticos de Vox e do PP que publicamente aborrecen a Otegi tamén publicamente se declaran honradísimos por faceren a laudatio de Pío Moa cando o convidan a dar conferencias e presentar os seus libros; e el, para corresponder á cortesía, chama «descerebrados» aos antifranquistas.

Pois eu coido que Arnaldo Otegi fai máis pola paz en España defendendo o seu ideario nas institucións que Pío Moa coas súas mensaxes de odio en artigos xornalísticos. E estou certo de que fai máis pola paz en España Bildu, cos seus acertos e metidas de zoca, que Vox crispando a sociedade ao tentar trocar leis democráticas, aprobadas no Congreso, por outras propias da ditadura.

Bildu contribúe á convivencia e á paz ao participar na homenaxe ás vítimas do terrorismo —de todo o terrorismo: o de ETA, o de Estado e o da extrema dereita— que cada 10 de novembro celebra o Parlamento Vasco desde 2016. E á convivencia e á paz contribuíron os ex etarras condenados por delitos de sangue que —enorme desatino— ían nas listas de Bildu, ao se dirixir ás familias das vítimas de ETA e anunciaren que non tomarían posesión dos cargos no caso de seren elixidos «para que ni nuestras palabras ni nuestras acciones añadan jamás el más mínimo padecimiento al ya habido».

É igual. Pódeno repetir mil veces, que media España seguirá véndoos como ETA. En política todo é segundo a cor do cristal con que se mira. Haino incoloro, si; pero é raro, raro, raro.