Odio

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Ana Garcia

Fálase moito do odio ultimamente. Nos estrados políticos aparece a miúdo esta palabras con tres vocais impertinentes. Uns acusan aos outros de fomentalo. Porén o asunto é moito máis complexo. Deixei todo tipo de redes sociais porque comprendín que a maioría eran xunglas onde prevalecen os golpes sobre as caricias. Nada fomenta máis o odio na nosa época que os energúmenos, a maioría anónimos, que desglosan a súa nimiedade insultando. Sen motivo aparente. Porque poden. E por iso o fan. Constitúense auténticas mandas de lobos que saen a cazar aos homes. Os seres humanos séntense indefensos diante de tanto oprobio e crueldade. Chegará un momento en que todo estea permitido. En nome da liberdade de expresión invéntanse infundios. En nome da liberdade de expresión é posible calquera calumnia. Consultas con xuristas e todos responden o mesmo: non paga a pena acudir aos xulgados porque estas cousas carecen de relevancia xurídica. O insulto é un insecto que camiña libre. Velenoso, inicuo, moitas veces mortal. Fálase moito do odio ultimamente. Mesmo inventamos palabras para definilo «estranxeiramente»: bullying, mobbing e outros termos similares. En galego temos a palabra xenreira para disfrazar o odio. Hai outras: hostilidade, acoso, aversión, zuna, rabia. Non debemos perder demasiado tempo comentando o odio. Mesmo debemos intentar espantalo se aproxima demasiado os seus pasos cara a nós. Quen odia, perde. Nunca gana. Quen odia, dende o sectarismo, engánase a si mesmo. Quen odia porque se cre superior moralmente aos que non pensan coma el, pobre, é o espello perfecto da intolerancia e o autoritarismo. Acaba xuño. A ver se en xullo, suavemente, desterramos o odio. Por fin.