O perigo de non ter palabra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jorge Armestar | EUROPAPRESS

07 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra era un seguro de credibilidade e veracidade. Se nun trato alguén daba a súa palabra, era suficiente, non había nada máis que engadir. Volvíanse innecesarios os papeis asinados, as testemuñas ou leis nas que ampararse.

 Dicir de alguén que era de palabra constituía un dos maiores eloxios para a súa condición persoal. E os traballadores da palabra, os contadores de historias, a xente da escrita... constituían una toda unha institución humana.

En que momento perdemos este tesouro? Non podemos, nin debemos en moitos casos, fiarnos do que nos digan, porque axiña pode cambiar, mudar, dar a volta e volverse ata en contra. É unha práctica habitual no mundo da política, no empresarial, no familiar, no laboral, no ámbito da amizade. A falacia inúndao todo.

Estamos vendidos e perdidos.

A palabra, o sistema de comunicación, distínguenos dos animais. Perder a palabra é involucionar dun xeito absurdo, grotesco e desapiadado, ademais de consistir un acto ridículo. A humanidade debe avanzar, non retroceder. Preocúpame, polo tanto, a falta de palabra. Máis aínda se esta vai acompañada da autoindulxencia. «A miña palabra non é tan importante», di unha dirixente política para xustificar que onde dixera branco logo fixera negro.

Entendo a declaración coma unha confesión: non teño palabra. Imaxinan alguén presentándose así ante os demais? Sería sinónimo de dicir non son de fiar, podo venderme e venderte.

Ollo coas palabras que, comentei máis veces, non as leva o vento e falan de nós.