O sabor do verán

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Mazás
Mazás

12 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe chove e ventea. Teño a impresión de que o verán foi escapando de entre os dedos, discreto e silencioso coma as enfermidades, sen posibilidade de poñerlle remedio.

Sabía que era verán porque as sabas de fío, bordadas pola avoa, caían pesadas sobre min dándome unha frescura coa que contrarrestar as longas horas botadas baixo o sol. As ceas perfumaban o camiño a casa con olor a peixe frito e ensalada dos tomates da madriña. O ceo era dun azul limpo, salvo cando o fume o escurecía todo e entón os veciños tocaban a campá. Prendéranlle lume ao monte e había que acudir. As festas anunciábanse con bombas de palenque e a rapazada corriamos a buscar as varas para logo xogar con elas. Ou non. O premio era conseguilas.

O verán ulía a mar, a sal, a borraxeira e humidade, a roupa tesa de secar ao sol. Sufriamos os cortes de auga, xusto o día de recoller as patacas. O verán era pensar que a corda que amarraba a lanchiña era longa para imaxinar que navegabamos de verdade pola ría. Tamén regar os cultivos, recoller as mazás, rubir ás árbores ou xogar aos agochos.

O verán tiña olor, color, textura e sabor de seu. Cando tomabamos un xeado... aquilo era festa! Mordiamos o verán e viviámolo con intensidade. A aldea era un universo cheo de aventuras. Unha aldea pequena, na que todos nos coñeciamos e tiñamos conta uns dos outros.

Regresei á aldea hai uns días, e non esaxero se aseguro sentirme máis nova. Contraria ao que din, regresei ao lugar no que fun feliz, o verán. E recunquei tamén en sorrisos. Incorporarme á rutina aflixiume tanto como cando remataban as vacacións da infancia.