Siza, presenza e permanencia

OPINIÓN

Denis E.F.

15 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O ser humano, desde sempre, sentiu a necesidade de transcender. Loitou por facelo xa desde que deu en converter a caverna en habitáculo ou en templo e decorou as súas paredes. A arquitectura naceu para dar protección e favorecer as relacións sociais, sexa unha humilde casa labrega ou os edificios aliñados ao longo de rúas para facer a cidade, na Roma imperial ou nos ensanches finiseculares do XIX; daquela especularon, pero deixaron un patrimonio de sólidos edificios burgueses. Cal é o «legado» do inmobiliarismo rampante dos ensanches e periferias contemporáneos?

A arquitectura é consubstancial á materia, é perceptible, tanxible. Cando se retiran as estadas dunha nova edificación prodúcese un efecto sorpresa. A partir dese momento queda sometida a cambios imprevisibles, para ben ou para mal, polo uso dos habitantes, pero algunhas obras son quen de transcender, transmitindo de xeración en xeración o espírito, a emoción, o logos, movéndose entre a historia das ideas e da arte. Aí está a obra de Álvaro Siza.

Asistín na Escola de Arquitectura da Coruña á presentación da tese de doutoramento de Carlos Seoane. O fío condutor son dúas obras de Álvaro Siza, unha delas a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. Da súa exposición culta e elocuente parafraseo unha definición que remite ao esencial da obra do autor. Para Siza, «a existencia dunha estrutura tridimensional como soporte da definición dos espazos, esa case imperceptible malla xeométrica, serve para definir a escala maior, urbanística, e a máis pequena, o detalle construtivo».

No excelente edificio da facultade, onde Seoane foi o arquitecto colaborador, as suxestións exteriores que viñan das liñas de referencia do auditorio de Julio Cano e do urbanismo circundante de Vite, inducírono a organizar os volumes en catro grandes pezas entre lugares verdes unidas por un paralelepípedo, liñas que continúan polo interior a modo de zócolo ordenador.

Álvaro Siza cumpre 90 anos coa súa característica capacidade creativa e construtiva. As obras da súa vida, o compromiso coa arquitectura social desde moi novo, marcan o seu perfil. A última intervención en Galicia é a capela dos Túmulos, encargo da Fundación Catedral de Santiago. Durante a concepción e realización do proxecto, debuxou e falou ata o mínimo detalle con arquitectos e artesáns, cunha presenza asidua na obra, seguida por sobremesas cheas de sabedoría e humor.

Teño colaborado con varios arquitectos significativos, pero hai dous que me deixaron especial impresión: Álvaro Siza e John Hejduk. Dous poetas.