2019-2023

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

O pasado sábado o profesor Miguel Ángel Escotet, reitor da Universidade Intercontinental da Empresa, publicaba en La Voz un artigo brillante. Titulábase «Y pasó el arado». Facía referencia ao alumnado que cursou estudos de grado entre os anos 2019 e 2023. É a xeración da pandemia que fronte ás dificultades, fronte ao desasosego e a dor, foi quen de dar un paso adiante, mes a mes e ano a ano, e pasar o arado: recoller os froitos do seu esforzo. Chegou o artigo do admirado profesor un día despois da graduación de Marta, a miña pequena. Parece que foi onte cando estaba nos meus brazos, todo tenrura. Pero o tempo pasa, e como na canción, «nos vamos poniendo viejos». Coñezo de cerca a dedicación da xeración da pandemia. Comezaron a cursar estudos superiores en setembro do 19 e, seis meses despois, foi declarada a pandemia. Viñeron tempos de aflición e silencio. Os ordenadores e a internet convertéronse en fonte de coñecemento e relación didáctica. O sistema educativo galego demostrou a capacidade da administración e dos seus docentes para saír adiante. E saímos. Con abnegación, afán, disciplina e laboriosidade. É a cara da moeda que nunca miramos. Estamos instalados nunha sociedade do confort onde as mensaxes son repetitivas e, tamén, falaces: a sociedade lúdica promovida dende diferentes instancias. Porén cómpre mirar á xeración da pandemia. Regresaron a esa palabra que rara vez escoitamos: sacrificio. É un termo que ten relación coa raíz xudeocristiana que nos define, como os dereitos fundamentais ou a universidade, como o perdón e a solidariedade. A pandemia fixo observarnos por dentro. Somos mellores do que pensamos. Os de 2019 déronnos unha lección. Grande.