Política e sorte

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

22 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Das persoas afortunadas ás que todo lles sae ben dise que naceron de pé ou que naceron de cu, non hai acordo; pero está clarísimo que naceron coa sorte de cara. Como Alberto Núñez Feijoo, que ten unha potra inmensa e en calquera circunstancia pode afirmar que «non hai mal que por ben non veña». Velaí a lumbalxia que lle impediu participar no debate a catro en TVE, o día 19. Dorido e todo, el quería ir por aquilo do imperativo ético, pero non foi por estética, que non ían estar todos dereitiños e el dobrado como una alcaiata. Porén, a lumbalxia foi oportunísima porque nese encontro Feijoo non tiña nada que gañar e si algo que perder. Yolanda Díaz e Pedro Sánchez —tamén potrudísimos, non hai máis que ver os seus currículos—, acusárono de ter vergoña de aparecer con Abascal e medo a responder das trolas que largou no primeiro cara a cara con Pedro Sánchez; e Feijoo, amolado, viunos no sofá, poñendo calor e frío nas costas e outros remedios caseiros de Os Peares. En ningún momento dixo: «Aquí me las den todas», como afirmaron linguas viperinas.

Yolanda e Pedro, Pedro e Yolanda —tanto monta, monta tanto— xogaron en equipo e compenetradísimos. Momentos houbo en que semellaron o don Juan e dona Inés nunha nova versión da escena do sofá:

Yolanda: —Hay que reducir la jornada laboral, Pedro.

Pedro: —Siempre con los pies en el suelo, Yolanda.

Yolanda: —Los tengo, Pedro.

Pedro: —Lo sé porque te conozco, Yolanda.

Xogaron ao primeiro toque, ao tiquitaca. Pedro deixoulle a banda esquerda e Yolanda luciu como Vinicius e Mbappé nos mellores partidos. Abascal, pobriño, non puido parala nunca e quedou en evidencia sempre. Tentara ninguneala respondendo a Sánchez aínda que as preguntas fosen dela, pero despois de trataren da reforma laboral e da violencia de xénero, o ninguneado foi el. A Feijoo veulle de fábula que a carrapuchiña vermella de Sumar cortase as orellas ao lobo feroz da dereitiña valente e demostrase que non vale. Por aí Feijoo non vai perder votos e probablemente os recupere. Yolanda con Sumar pódelle restar algúns a Pedro Sánchez, e tamén iso será bo para el.

Dise que a fortuna favorece os ousados, e Núñez Feijoo, Yolanda Díaz e Pedro Sánchez sono; pero non sempre é certo. A quen favorece sempre a fortuna é os poderosos. Presidía o Goberno o conde de Romanones e metéuselle na cabeza ser membro numerario da RAE. Falou cos académicos, un a un, e todos prometéronlle o voto; pero o día da elección Romanones estaba na oposición e non foi académico, nin tivo un voto.

A quen favorecerá a fortuna nestas eleccións verémolo mañá, porque esta vez non poden gañar todos.