Escano decisivo

Ana Pontón
Ana Pontón DECOTÍO

OPINIÓN

Cabalar | EFE

24 jul 2023 . Actualizado a las 01:15 h.

O BNG obtivo nesta cita coas urnas un escano reforzado e, unha vez máis nunhas eleccións subimos en número de votos, 30.000 papeletas máis que nos comicios de 2019, 150.000 votos. Un resultado que imos utilizar para facer valer Galiza en Madrid nun escenario sen maiorías absolutas, no que cada voto vai ser clave e, desde logo, a forza que nos deron os galegos e as galegas nas urnas vai servir para colocar na axenda estatal os asuntos estratéxicos para este país.

En Galiza, das forzas alternativas ao PP, o BNG é a única que sobe e quedamos a moi poucos votos de lograr escano por Pontevedra, pero tamén é certo que non cumprimos expectativas, que non logramos superar o marco dunha campaña moi polarizada en dous bloques, marcada por un falso enfoque presidencialista, especialmente atípica que se resolveu nos platós de televisión e nun marco mediático máis estatalizado que nunca, no que Galiza estivo ausente.

Desde o BNG fixemos unha campaña construtiva, centrada no país, empeñadas en colocar no foco do debate os asuntos importantes para o futuro dos galegos e das galegas, sabendo que había moito en xogo. Pero o ruído e a furia do centralismo apenas deixou espazo para nada máis que non fora o bipartidismo estatal, unha confrontación de bloques, un cara a cara electoral permanente no que Galiza quedou á marxe.

O escenario que deixa esta noite electoral está aberto e desde o BNG tendemos a man para lograr un goberno estatal que peche o paso a unha alternativa da dereita do PP coa extrema dereita machista, racista e profundamente antigalega.

Imos facer exactamente ao que nos comprometemos en campaña cando nos referiamos ao valor dobre do voto ao BNG: defender Galiza en Madrid, poñer a axenda galega no centro da política estatal e, ao mesmo tempo, defender os dereitos e liberdades freando calquera alternativa do tándem PP-Vox.

O compromiso do BNG é firme, por iso tendemos a man para negociar un goberno que peche a porta a un executivo que implica retroceso en todos os eidos e para avanzar nas solucións aos problemas de Galiza que será, unha vez máis, a prioridade política da nosa representación no Congreso. Neste sentido, no que dependa do Bloque imos facer todo o posible para descartar un escenario de repetición de eleccións. Como sempre, desde a máxima ambición para defender Galiza en Madrid, ese volverá ser o noso reto ante o Goberno do Estado.