
O 3 de febreiro de 2016 os veciños de Cazalilla, un pobo de Jaén con algo máis de 700 habitantes, sentíronse amolados por non realizaren o acto emblemático das festas de San Blas: o lanzamento dunha pava viva desde o campanario da igrexa. O vicario dera orde de trocar a fechadura e poñer fin a unha tradición que viña do século XIX. Agora Cazalilla honra a San Blas lanzando desde o campanario unha pava de peluche. O vicario devolveu a racionalidade á vila e redimiu a Igrexa de tan penosa complicidade.
O pasado 11 de xuño, en Castrillo de Murcia, un pequeño pobo que malia o nome está en Burgos, volveu protagonizar as festas do Corpus, como vén facendo desde o século XVII, un bufón chamado o Colacho, representación festiva do demo que tenta impedir os actos relixiosos, mesmo a celebración da misa, facendo mofa do sacerdote. O acto máis emotivo prodúcese despois da procesión, cando o Colacho brinca por riba dos bebés nados en 2023 e un crego bendíceos de contado. Así o ben imponse ao mal. Nunca ningún vicario pensou en prohibir esta celebración que mestura elementos relixiosos e profanos con reminiscencia dos xogos de escarnio medievais nos que se facía burla da Igrexa, porque ninguén cuestiona o que nela hai de inxenua relixiosidade popular.
A Ribarteme chegou hai anos un párroco que prohibiu a tradicional procesión dos cadaleitos «para no fomentar folclores y supersticiones». Eu díxenlle nun artigo que para folclores ten a celebración do Corpus en Toledo, ou os aplausos, bravos e vítores que premian o voo do botafumeiro na catedral de Compostela. Como supersticións poderíalle citar infinitas reliquias, a cada cal máis absurda, que gardan as igrexas de España; pero sería de mal gusto. A procesión dos cadaleitos en Ribarteme será o que queiran ver os ollos que a miran; para as familias que participan é unha manifestación de fe.
Da piedade popular falou moito Xoán Paulo II, que confiaba na súa forza evanxelizadora fronte a descristianización da sociedade. Na mensaxe á Asamblea Plenaria da Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos, en 2001, despois de salientar que as expresións de relixiosidade popular poden aparecer contaminadas por elementos non axeitados á doutrina católica e que evalualas é misión dos bispos, conclúe: «Porén, a menos que existan claros motivos contrarios, os bispos deben ter unha actitude positiva e alentadora ante a relixiosidade popular».
O de Tui-Vigo, que apoiara a intransixencia do párroco, pensouno mellor e autorizou a participación dos cadaleitos na procesión, fóra do templo e do adro. Pode ser o primeiro paso para desandar o mal camiño andado.