O xabaril e as súas incompetencias

Roberto García
Roberto García DECOTÍO

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

10 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As mandas de xabarís son un problema para a agricultura e a gandaría en Galicia. Pero tamén para a seguridade viaria, como lamentablemente vimos de ver no terrible sinistro que lles custou a vida a dous mozos de Chantada. Aparte dos aproximadamente 12 millóns de euros que esta especie lle custa ao agro galego cada ano en danos ao millo, aos prados e a producións de horta, viñedo ou castaña, xa está a producir unha media de dez accidentes de tráfico ao día, que suman preto de 3.500 incidentes anuais nas estradas galegas. Por non falar da preocupación ante a posibilidade de que sexan un vector de transmisión da peste porcina africana, que suporía a ruína do sector porcino galego. Ou do serio problema ecolóxico que representan nos espazos naturais e protexidos, onde proliferan sen control e depredan en exceso de xeito contraproducente.

Todo isto pasa porque as poboacións de xabarís van en aumento e sen control, como corroboran os indicadores indirectos que son as crecentes estatísticas de accidentes de tráfico, ou a entrada cada vez máis frecuente de grupos destes animais nas vilas e cidades. 

Ante esta realidade, que non se xerou dun día para outro, a posición da Xunta é seguir pasando a pataca quente da xestión do número de individuos aos cazadores, que levan a responsabilidade do seu control poboacional, como lles marca a vixente Lei 13/2013 de Caza de Galicia, así como da indemnización dos accidentes de tráfico naqueles casos onde concorran as circunstancias fixadas pola actual lei de seguridade viaria. A caza social galega é insustituible como ferramenta de xestión destas poboacións de animais. Pero é evidente que está a ter limitacións na súa capacidade de actuación e control dunha especie que non para de aumentar en número, e en danos asociados.

A Consellería de Medio Ambiente debe dar un paso adiante e asumir responsabilidades. É necesario adaptar a lexislación vixente para que a Xunta asuma a coordinación dos esforzos de caza para estabilizar as poboacións de xabarís, e mesmo reducir o seu número nas zonas onde son incompatibles coa actividade agraria. Tamén debe ser a consellería quen centralice e coordine as accións de control de danos; quen promova novas formas de captura de animais, como o uso regrado das gaiolas; e quen asuma o custo desas medidas, que non debe de recaer sobre os agricultores e gandeiros afectados polos danos, como agora se pretende.

A consellería non pode seguir comodamente instalada na derivación de responsabilidades cara as sociedades de caza, desbordadas e sen posibilidade económica de facer fronte aos danos; con cada vez menos efectivos, envellecidas e con serios problemas de relevo xeracional. Tampouco na comodidade de que sexan os condutores quen paguen os danos dos accidentes a través dunhas primas de seguros de circulación máis caras. Nin agardando de xeito absolutamente irresponsable a que a superpoboación pase a ser controlada de xeito «natural» por enfermidades e zoonosis animais que poden ser a puntilla a sectores produtivos tan relevantes, e de tanta vocación exportadora, como o porcino galego.

Xa no 2020 Unións Agrarias ofreceu unha alternativa a través dunha iniciativa lexislativa popular que foi rexeitada no Parlamento de Galicia polos votos en contra do PP. Tres anos pasaron dende entón e, lamentablemente, o tempo está a darnos a razón no noso diagnóstico e na necesidade de adoptar medidas proactivas.

As causas que fan que as cousas vaian a peor están aí, agardando a que alguén actúe con competencia e intelixencia para lograr un cambio de tendencia ante un problema que cada ano vai a máis.