Alexandre Bóveda, o líder máis activo do Partido Galeguista e principal impulsor do Estatuto de Autonomía de Galicia, foi condenado a morte nun consello de guerra e fusilado o 17 de agosto de 1936. Castelao perpetuou a súa imaxe e o seu exemplo na estampa A derradeira lección do mestre, a máis conmovedora dos seus álbumes de guerra. O 17 de maio do 2015 a Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas ao erudito pontevedrés Xosé Fernando Filgueira Valverde co voto en contra de boa parte dos académicos polo seu pasado franquista. Xesús Alonso Montero afirma no libro Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual que Filgueira non foi un alcalde franquista, senón un alcalde no franquismo. Así o vexo tamén eu e demóstranmo as fotos de actos oficiais en Pontevedra nos que civís, militares e relixiosos saúdan brazo en alto e só Filgueira, o alcalde que non quixo ser jefe local do Movemento, está en posición de firmes. Coido que moi poucos dos seus críticos terían valor e dignidade para facelo.
Porén, a Mesa pola Normalización Lingüística reprobou a elección e nas manifestacións contra o acordo da RAG viuse o libro Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, escrito por Xerardo Álvarez Gallego, cuñado de Bóveda, editado en Buenos Aires en 1972, no que reprocha a Filgueira non declarar no consello de guerra que o condenou. O libro, interesante en varios aspectos, falta á verdade sempre que cita a Filgueira. Di que cando Bóveda o coñeceu, ao lle dar a man notou «non sei que de brando e falso». Todo o contrario. Bóveda confiaba tanto en Filgueira que cando, en 1935, deixou o Partido Galeguista porque como católico non podía apoiar a Fronte Popular, defendeuno das críticas dicindo: «Eu teño a seguranza de que alí onde estea Filgueira haberá sempre un obreiro da causa galega». Pero é certo que Filgueira non declarou no consello de guerra de Bóveda. E non o fixo porque non o citou nin a acusación nin a defensa. Poderíase ofrecer ao avogado defensor e declarar a prol do amigo, pero sería inútil porque xa estaba condenado antes de empezar o proceso.
Pensar que unha declaración alteraría a sentenza é atribuír á represión franquista unha moralidade que non tivo. Álvarez Gallego conta que o xefe provincial da policía, malia ser citado polo fiscal, falou con respecto de Bóveda e nunca máis se soubo del; e que o ex catedrático de Dereito Administrativo e avogado da Deputación de Pontevedra, Xosé García Vidal, citado pola defensa, foi declarado cesante ás poucas horas.
Na familia Bóveda ninguén entendeu a arroutada de Álvarez Gallego, e a relación con Filgueira foi cordialísima sempre. Pero iso tanto ten e sempre haberá académicos e membros da Mesa e militantes nacionalistas que reneguen del porque o sectarismo ten miopía.