
Entre os historiadores profesionais, cando se discuten as razóns da guerra de España (1936-1939) hai dúas tendencias ben diferenciadas: unha argumenta a profundidade das causas internas, que pode retrotraer a comezos do século XIX; a outra prefire argumenta contextualmente na Europa de entreguerras, na que trunfa o fascismo sobre a democracia, mesmo por medio dun golpe de Estado duns poucos militares, como no caso español. Na historiografía máis recente, moi pegada á análise do discurso, algúns colegas como o meu amigo Fernando del Rey Reguillo argumentan que as palabras como puños dos discursos anteriores a xullo e 1936 prefiguraban o desastre que logo chegou. Os que acreditamos máis nos feitos que nas palabras —recoñecendo o poder performativo dos discursos— dubidamos que as palabras foran quen de detonar o golpe de Estado militar capaz de rebentar a República e xerar a revolución onde os militares golpistas fracasaron na súa acción armada.
Para intentar situar aos meus alumnos neste debate interpretativo póñolles exemplos do presente. Dende os tempos de Zapatero, vimos escoitando iso de que «España se rompe». Unha perífrase que nunca se conxunga en ningunha das linguas oficias diferentes do castelán, o que xa é un indicio. Pasaron case vinte anos dende que empezaron co conto e, aínda que cada ano engaden un argumento, España segue aquí, mesmo para os que dende hai cen anos lle chaman Estado español. Nin os discursos, nin as palabras teñen máis poder que a democracia que se exerce. Vimos de velo, nin sequera coa poderosa axuda da demoscopia performativa e profética lograron o PP e os neofalanxistas superar os 176 deputados que dan o goberno no Congreso.
Non se sabe aínda se haberá goberno de esquerdas apoiado polos nacionalistas. O que si sabemos é que, de habelo, non será ningunha anomalía. Todo o contrario, estará inscrito na mesma lóxica histórica da Transición e da Constitución de 1978. Seguirá, de feito, as lóxicas da negociación entre a comisión dos 9 e o Goberno predemocrático —franquista, xa que logo, de Adolfo Suárez—. Aquela comisión da oposición antifranquista que negociou a —limitada— legalización dos partidos e máis as primeiras eleccións democráticas —limitadas na liberdade de expresión, con alcaldes do Movimiento...— estaba formada por cadanseu representante de Cataluña, Euskadi e Galicia, máis os representantes de dous partidos socialistas, un comunista, un socialdemócrata, os liberais e os democristiáns. Pura historia factual. O que pasou non o que se inventou. De negociarse con éxito, o novo goberno seguirá tamén a lóxica autonómica plurinacional que está na Constitución e que, como ben documenta, argumenta e explica Ramón Villares nun recente libro, procede da alianza republicana de nacionalistas galegos, vascos e cataláns no exilio. A Galeuska histórica que resistiu as vicisitudes da ditadura e que chegou cargada de lexitimidade a 1975, cunha proposta rotunda de restitución dos estatutos de 1936 nas tres nacións que na Constitución son innominadas nacionalidades.