«Tocagüevos»

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

02 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo o título en castelán porque «tocaovos», en galego, soa mal e non o di ninguén. É o misterio dos idiomas. Ningún é mellor ca outro, pero en todos hai voces e expresións que perden graza ao traducilas. Eu teño rematado un libro de aforismos e a metade van en galego e a outra metade en castelán, porque é como mellor soan e máis din. Tamén escribo «tocagüevos», en castelán antigo, e non «tocahuevos», porque un Rubiales soez que agarra o paquete no palco de autoridades, a carón da raíña e da infanta, esixe a berros un g sonoro e non un h mudo. En castelán nada hai máis cursi que un h mudo, e Rubiales de cursi non ten nada. É máis: estou certo de que a palabra güevos non acaba de gustarlle e prefire cojones, que enche máis a boca. Imaxínoo na presidencia da RFEF exercendo con autoridade e razóns de peso:

?¡La Supercopa de España se juega en Arabia Saudí porque me sale de los cojones!

?¡A mí las críticas de plumillas y juntaletras me importan tres cojones!

?¡Yo hago negocios con Piqué porque es un tío con un par de cojones!

?¿Disculparme por el morreo a Jenni Hermoso? ¡No me toquéis los cojones!

?¿Que los presidentes territoriales…? ¡Les corto los cojones!

?¡Pongo los cojones encima de la mesa y no dimito!

E agarrra o paquete coas dúas mans e brama:

?¡Por mis cojones que no dimito!

Porén, que queren que lles diga? A min non me parece que Rubiales os teña ben postos. Deixar que a nai fixese folga de fame por el e se convertese na outra nai do fútbol internacional coa de Kylian Mbappé, retrátamo como un bocarrota fachendoso e un tocahuevos con h mudo. Home, eu non quixen dar ideas e nada dixen, pero se non pensaba dimitir tiña o exemplo daquel pintor ruso que, hai anos, sentou na Praza Roxa de Moscú e cravou os testículos no chan nunha protesta contra Putin. Un Rubiales cos testículos grampados á cadeira do presidente da RFEF seguiría sendo o mesmo lerchán, pero recoñeceriámoslle o orgullo indómito dos perdedores épicos. Así, véndoo marchar con inflamación escrotal polos couces recibidos, o único que cómpre pensar é como estará o fútbol español para que á presidencia da RFEF poda chegar un tipo así. Un tipo que por xogar a ser o Javier Bardem de Huevos de oro matou a galiña dos ovos de ouro. E que galiña! Un millón de euros dáballe cada ano, aparte os extras das falcatrúas que se van coñecendo e que, incomprensiblemente, o Goberno non cortou ata que estoupou o escándalo. Din os que saben que no gran negocio do fútbol abundan os Rubiales. Con máis clase, si; menos ridículos, tamén, pero da mesma ralea. Que o negocio do fútbol está podre e cheira mal, moi mal, notámolo todos. O meu avó Xosé, que falaba un galego estupendo, diría: «Fede que alcatrea».