
As candorcas andan en grupo e mantéñense doutros animais mariños dependendo dos mares que percorren: bonitos, focas, salmóns... Nun idioma de grandes navegantes, o inglés, levan nome ruín: killer whales, baleas asasinas. Desde que se navega a vela tiveron moita ocasión de trabaren nos lemes dos barcos, mais ata hai pouco non entraran en xogo tan perigoso para os humanos. Por que o fan agora?
Estanse a ver explicacións para eses ataques que causan espanto. Hai pouco, no Facebook, alguén dicía que as candorcas atacan os veleiros porque «a wifi confunde o seu sonar». Cómpre logo aclararlle ao ousado algúns aspectos básicos da telecomunicación: as candorcas producen chíos que se propagan na auga e que, cando rebotan en obstáculos, volven ao seu sistema sensor. Polo eco, elas determinan a distancia e a dirección onde se acha a presa. Iso semella o funcionamento —moito máis complexo— dun sonar.
Ora ben, que ten que ver a radiación electromagnética dunha rede de wifi cun aparello sensor de son? Nada. Aínda máis, teñen as candorcas receptores sensibles ás redes celulares de área local? Os navíos de certo porte poden levar redes de wifi para servizo da tripulación e de sistemas automáticos, mais que veleiro dos atacados ata hoxe levaba unha rede de tales características? Se cadra ningún.