Por moito que digan algúns, o mundo non se para. Non agarda por ninguén. A celebración do cumio de xefes de Estado do G20 na India é indicativo dun mundo multipolar, presente. Creo que non somos quen de lelo suficientemente pola agresiva velocidade comunitaria na que nos atopamos. Os efectos da crise económica e a loita contra o covid converteunos en persoas distintas. E nesa roda seguimos: onde nos levará o remate da guerra de Ucraína?
O G20 é unha ferramenta, un método convertido no principal espazo de debate político e económico global actual. Arredor dunha mesa xúntanse o 85 % do PIB mundial e as organizacións mundiais mais recoñecidas: ONU, FMI, Banco Mundial, OCDE… A súa creación fora unha necesidade: superábase o reducido grupo do G7, G8, G9…, incluindo a puxanza e forza crecente dos países chamados BRICS —inicialmente formado por Brasil, Rusia, la India, China e Sudáfrica—, que mesmo cuestionan directamente o equilibrio creado en Breton Woods. A proposta da creación dunha moeda común —o R5— como alternativa á hexemonía do dólar estadounidense é a proba máis evidente da dimensión das súas demandas.
As primeiras reunións de xefes de Estado do G20 comezan de xeito paralelo á grande crise económica do 2008 en Washington, precisamente ante a incapacidade das antigas ferramentas globais de solucionar unha crise sistémica desta magnitude. O mundo de finais dos 80, o remendado herdeiro da construción das sociedades de benestar occidentais, viuse adiantado por un modelo chino con bases ben firmes. O novo paradigma modelou condutas, xeitos de facer, converténdose no referente obrigado para o éxito durante as pasadas dúas décadas, combinando exponencial crecemento económico pero tamén ausencia de liberdades públicas.
A reivindicación actual do protagonismo do sur global a través da India ralentiza a capacidade de poder chino: confórmase como contrapeso que demora a recuperación do xigante asiático. Pero observamos a India, unha sociedade na que a súa relación como antiga colonia británica permitiulle acadar unha esmerada educación para privilexiadas elites con influencias decisivas no mundo occidental. Unha poboación dividida por diferenzas de relixion, casta, economía, xénero e orientación sexual. Un mundo no que o 1 % da súa poboación ten o 40 % da riqueza, e o 50 % ten só o 3 %. Segue a ser unha sociedade enquistada nunha endémica desigualdade económica. Mais agora o Goberno de Narendra Mori é o presente, mais que nunca: 1.400 millóns de cidadáns conforman o país de Bollywood, de Bangalore, da chegada á Lua antes que Rusia…
China, India… E na murcha Europa seguimos a ver como nos adiantan pola dereita: Indonesia, Brasil, Sudáfrica… Precisamente, estes dous últimos países son os futuros centros para a reunión dos G20 dos próximos anos. Mesmo Indonesia foi o lugar elixido para a xuntanza do ano pasado, do 2022… Coincidencia? Os ollos occidentais non se atopan acostumados a autocrítica. Sen un relato alternativo crible, boa parte das reaccións da sociedade europea ante esta mudanza provocan movementos viscerais, reaccionarios, irreflexivos, ata o punto de ter que observar día tras día o cemiterio no que se está a converter o Mediterráneo…
O que acontece hoxe en día na India é algo que está a acontecer na totalidade dos sistemas democráticos no mundo. O concepto de democracia propio da segunda metade do século XX vaise esvaecendo co tempo. A medida que se incremente a presión, a medida que o mundo se faga cada vez mais agresivo, mais se reforzará a necesidade da seguridade colectiva en detrimento do mantemento das liberdades individuais. Imos do pensamento complexo a ausencia de reflexión, mais sen asumir a sociedade como un colectivo con intereses comúns os Estados non son nada. Bo, si: se converten en parte. E desaparece a credibilidade no sistema representativo, en beneficio do individualismo. O Estado non manda, acompaña as medidas decididas polos fondos de inversión.
Seguimos coa mente ocupada nas nosas teimas particulares, diarias, cotiás, ocupados e preocupados nun entorno cada vez máis áspero… Semella que todo conduce cada vez máis a ver a IA como unha necesidade, unha muleta para a humanidade que lle permita asimilar esta inercia con rumbo suicida, esta crecente complexidade que a sociedade non é capaz de asimilar. Non somos quen de ollar cara arriba, cara o ceo que está enriba de todos nós, reflexo dese mar que agocha moreas de cadáveres. A avellentada Europa, sen unha fonda renovación xeracional á que se lle están pechando portas de acceso, non será quen de seguir as xuvenís China, Brasil, India… No fondo semella algo mais sinxelo: o paso do tempo. Porque… isto dos relevos por esgotamento, non é lei de vida?